Anxo Lugilde: “Hai un control absoluto dos medios por parte da Xunta... Isto é peor que co Fraguismo"

Anxo Lugilde, xornalista lugués con fortes vínculos con Cataluña, denuncia nesta entrevista o forte control informativo que exerce a Xunta sobre os medios de comunicación. Lugilde escribiu o libro "A Vella Compañeira", unha reflexión sobre as orixes e consecuencias da depresión que atravesou nos últimos tempos. Neste documento repasa cales foron os acelerantes do seu "baile" coa "vella compañeira", quen foi quen en cada paso cara o decaemento e quen foi quen cando houbo xente que o axudou nun proceso de recuperación que leva tempo.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 24/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Como consegues manter tantos contactos de todas as cores e que che teñan axudado, moitas veces, de maneira altruista? Porque mencionas persoas con nomes e apelidos que van do PP, BNG e PSOE.
Eu diríao ao revés. Por que hai tanta maldade por parte das persoas que non me apoian, das persoas que me perseguiron e fixeron a miña vida imposible, agravando a miña depresión, comezando desde a Xunta. O normal, o humano e o natural é o que fan as persoas coas que tés trato desde hai moitos anos e  nace unha relación cordial. O anormal, inmoral e indecente é a persecución. A TVG aproveitou a miña depresión para sacarme da pantalla.

Anxo Lugilde
Anxo Lugilde

-Iso fíxoo o director da CRTVG, Sánchez Izquierdo?
Non, Sánchez Izquierdo é un pobre home que cobra case 100.000 euros. Ese home é unha pantalla, é o recadeiro mellor pagado de Europa. Todo isto é porque Mar Sánchez, a Secretaria Xeral de Medios, ten peóns por debaixo de Izquierdo, esas persoas son quen fan o traballo. Izquierdo non fai  nada, só ir ao Parlamento como iso, como recadeiro. Non obstante, cando eu collín a baixa na TVG xusto polo episodio definitivo, cando quedei en branco nun debate, aí non hai ningún cargo que me axude. Hai unha compañeira de Protocolo que me di que ela si preguntara por min, aínda que eu non lembro. Tamén é certo que ela non tiña ningún cargo e seguramente lle dixen que eu estaba ben para non preocupala porque eu non lembraba. En tal caso, dentro da TVG había tertulianos A, que defendían o goberno (da Xunta) a quen coidaban ben. Iso é indecente, se non falas ben de Feijóo te tratan mal na televisión pública? Se a un tertuliano defensor de Feijóo lle chega a pasar o que a min, non sei se iría velo mesmo o director xeral. Ese día chamoume só a perruqueira da tele para saber como estaba  porque era amiga miña. Ademais, durante o tempo que estiven de baixa, nunca a TVG se interesou por min, outros medios si, mesmo a Radio Galega que daquela aínda non estaba tan tomada. Así pois, cando comuniquei que podía volver, pois dixeron “non” porque aconteceran cambios. Por outra enfermidade podería ter denunciado, podería ter acabado no Parlamento. No caso da depresión, que eu naquel momento non saíra do armario, eu calei a boca e eles contaba con iso.

-Mencionas as amizades personais con xente da profesión, con xente que te apoiou. Todas esas persoas non puideron servir de escudo fronte a tanta maldade?
Algo si, por iso estou aquí. Núñez Feijóo, o Moderadísimo como lle chamo eu aínda que con retranca, porque non ten nada de moderado, para min é un extremista no exercicio da maioría absoluta. É unha cuestión de epistemoloxía: “Como Casado es más radical, Feijóo es moderado”. É como dicir que a coruña é unha cidade seca, porque chvoe menos que en Santiago. A ver, o Moderadísimo non é o culpable da miña depresión, eu xa a padecía moitos anos antes de ter a desgraza de coñecelo ou de comer algunha vez con el. Feijóo é responsable do agravamento da mesma e no que atinxe á TVG, unha das razóns do agravamento da miña depresión é o mobbing ao que me someten. Durante os meses anteriores, a xefa de informativos e o seu gran protexido andaban a poñerme de contraexemplo aos tertulianos. O gran protexido, Marcos Sueiro, dicía que eu lle chamara “franquista” en antena. Eu estaba absolutamente seguro de que non o fixera, porque primeiro, non é o meu estilo e segundo, se o chego a facer os vixilantes de seguridade acaban sacándome de alí. En tal caso, eu non sabía a que se referían, pois a min tampouco mo dicían á cara. Ao final, buscando e buscado, acabei por encontrar o programa, pois eu coincidía con el. Era un programa onde se falaba de primarias, que non facían falta as primarias e que “viva a dedocracia”. Eu díxenlle que xa sabía que el cría no “ordeno y mando” e logo fixen un comentario sobre a pervivencia na cultura política dos españois dos valores do franquismo, isto polos corenta anos de dictadura e o modelo de transición. Dicir isto a dicir que era un franquista hai unha diferenza. Este era o tipo de mobbing que me facían.

O normal, o humano e o natural é o que fan as persoas coas que tés trato desde hai moitos anos e  nace unha relación cordial. O anormal, inmoral e indecente é a persecución.

-E todo isto sen dar a cara, sempre ás túas costas.
Tamén de fronte. Un día saía eu do plató e no corredor principal e a xefa de informativos baixou como unha hidra toda alporizada: “Lugilde no te soporto que siempre criticas a Rajoy”. Ese día tamén tiven unha enganchada con Yolanda (Díaz) que ameazou con desacreditarme en Barcelona e foi o último día que falei con ela. Non, non foi o último día, doutra vez achegouse para falar comigo e eu respondín “xa me chegou”. Durante un tempo tiven un “status” na TVG de “Anxo Lugilde el único tertuliano del cual recibimos quejas de todos los partidos”. Logo entre 2015 e 2016 o PP ve que a cousa se vai poñendo difícil en Madrid e que ao mellor pode perder en Galicia, tamén desde as fotos de Marcial Dorado en 2013 até que pasan as eleccións de 2016 non puideron realizar o xiro que buscaban.

Presentación de 'A vella compañeira' (Luzes) no Casino de Santiago na rúa do Vilar. Anxo Lugilde xunto a Xosé Manuel Beiras e Celtia Travesas
Presentación de 'A vella compañeira' (Luzes) no Casino de Santiago na rúa do Vilar. Anxo Lugilde xunto a Xosé Manuel Beiras e Celtia Travesas

-Mais en Galicia teñen unha maioría absoluta, absolutísima, con corenta e dous deputados, Fraga tivera corenta e tres.
Si, que o PP teña un deputado máis tanto ten. Isto é produto da lei Fraga pois se en vez dun 5% houbese un 3% de barreira, Galicia en Común tería entrado, tanto por Pontevedra como pola Coruña. Volvendo ao que me dicías antes, é normal ter relacións transversais en política. O que non é normal é o actuar do presidente da Xunta, pois ao final, Mar Sánchez é a cara B e brazo executor de Núñez Feijóo. Eu en 2008 publiquei algo que lle afectaba a ela e ela mesma recoñeceu a veracidade do publicado. Así foi como entrei na lista negra, deixando de enviarme a mensaxe de felicitación de Nadal polo móbil. A cousa foi que durante a precampaña das municipais de 2007, co PP na oposición en Galicia. Foi nunha visita de Feijóo a México, despois dun acto no Centro Galego, ao presidente da entidade non se lle ocorre outra cousa que dar as grazas polo cheque de axudas da Deputación de Pontevedra que lle trouxera, e quen levou o papel foi ela. Sánchez Sierra estivera liberada na Deputación de Pontevedra cando estaban (o PP) na oposición. Tamén existe o caso doutro xornalista que foi liquidado nos medios públicos porque cando estaba de garda nunha axencia, Mar Sánchez enviou un comunicado, ao xornalista non lle pareceu interesante e non o publicou así que quedou na lista negra.

durante o tempo que estiven de baixa, nunca a TVG se interesou por min, outros medios si, mesmo a Radio Galega

-Quen é Mar Sánchez e por que ese odio e a lista negra?
Ela dirixe a comunicación en Galicia igual que se dirixen os colexios reformatorios do Opus, igual. Moi amable e moi afable mentres non te cruzas no seu camiño, porque senón, logo xa me contarás. Tamén acabou sendo a persoa de máxima confianza de Feijóo desde que comezou a traballar con el a comezos dos noventa na Consellería de Romay, logo tamén foi con el ao Insalud e a Correos. É a única persoa que estivo sempre con el, porque por exemplo Negreira non estivo no Insalud e agora xa non está. Dicir que a maioría dos conselleiros lle teñen medo físico, pánico.

-O panorama mediático galego é un deserto por culpa destas dúas persoas, Feijóo e Sánchez Sierra?
Si, mesmo dentro da prensa tradicional hai graos de depravación. Hai un caso de depravación absoluta que non vou dicir, aquí paso de dar nomes pois xa teño moitas frontes abertas para abrir máis. No libro conto que un veterano do fraguismo, moi sabedor do que falaba, díxome: “esta falta de críticas á Xunta non a había nin con Fraga”.

-Parecera que Feijóo tiña instrucións de borrar a pegada de Fraga na Xunta.
Non, non é iso. A crítica dos medios á Xunta é tan baixa que realmente non hai crítica. Hai un control absoluto dos medios. Por iso dicían que iso non pasaba nin con Fraga, nin siquera con el había tan pouca crítica á Xunta. Fraga fora ministro de Información, que realmente era propaganda, o máis xenuíno ministro de propaganda da ditadura franquista. Este (Feijóo) pola contra, vai de moderno. A min pasoume de encontrarme algún veterano da prensa e dicir “isto é peor que o fraguismo” e, sinceramente, creo que xa non hai dúbidas.

Núñez Feijóo, o Moderadísimo como lle chamo eu aínda que con retranca, porque non ten nada de moderado, para min é un extremista no exercicio da maioría absoluta

-Cal é a razón desta persecución?
Pode ser que no meu caso haxa algún elemento como o de Feijóo buscando que eu lle fixese a pelota, ao mellor si hai algo así. Mais é unha concepción de febleza dos valores democráticos, a escola onde se formou, a escola da propaganda. Este home é discípulo de Romay que era discípulo de Fraga. Despois o Moderadísimo comezou a recibir clases de Fraga e de Romay. Entón, a combinación das aprendizaxes dos “popes” da propaganda franquista, unidas a unhas ideas democráticas manifestamente mellorables, e a ausencia clamorosa do control por parte da administración, sumado a un tempo de crise nos medios e a falta de compromiso persoal, os poucos que nos fomos enfrontando iamos quedando moi mal. Tampouco digo de pedirlle á xente heroicidades, mais toda esa suma crea unha atmosfera abafante, como o acontecido cos actores de Fariña. Nacho Carretero dixérao en TV3, Touriñán en Praza, o produtor sacara un Twitt, e non hai nin unha pregunta parlamentaria?

-Será por aquilo que se dicía en tempos anteriores á Operación Nécora, “ningún partido está libre do diñeiro do narcotráfico”.
O que digo eu non ten a ver con iso, que puido ser. Aquí era cuestión mediática, de preguntarlle á TVG por que os tres contratos apalabrados, un con Touriñán, desapareceron. Eran contratos de series dramáticas, por exemplo, e logo dicíanlles “non, agora decidimos facer series históricas”. Creo que é un caso de incompetencia.

-Incompetencia parlamentaria neste caso.
Si, total e absoluta. Se mesmo até hai tres ou catro anos a maior parte dos e das deputadas da oposición non sabían quen era Mar Sánchez. Polo que eu sei, só unha vez foi a unha comisión, non sei se logo foi convocada a outras máis e delegou en Alfonso Rueda. Hai un problema de incompetencia e iso favorece que haxa unha falta de sentido democrático, uns mestres da propaganda e uns medios en situación catatónica e unha oposición que leva adormecida desde o 2009, agás casos puntuais.

A min pasoume de encontrarme algún veterano da prensa e dicir “isto é peor que o fraguismo”

-As subvencións son o opio que mantén adormecida á maiora da prensa tradicional galega? Por outra parte, se se chega a cortar todo tipo de axuda aos medios galegos, que sucedería?
Hai unha cousa moi pavera nalgún xornal, moi dependente desas subvencións, que os días previos á toma de posesión do bipartito xa falaba dese goberno co mesmo boato que antes falaba de Fraga. Tamén hai que recoñecerlle ao Moderadísimo que fixo máis con menos, digo pola crise. Sobre que pasaría, o que din os xestores de medios é “sen subvencións desaparecería todo”. Os convenios da Xunta e consellerías cos medios son para campañas que logo serven para xustificar os movementos do fondos de reptís. Iso din eles, mais se se fai un xornalismo de calidade ten que haber saída. Sucede que somos un país de imbéciles? Esa idea de que en Galicia débese tratar á xente como menores de idade, que non poden consumir produtos de calidade, eu non estou de acordo con iso. Por tanto, o tránsito sería duro se se deixan as subvencións. Algunha pode haber, mais a máxima broma é xa que as subvencións da lingua sexan para quen son. Con todo, a cuestión segue sendo a dependencia desas subvencións e aínda así, en Galicia tería que poder subsistir un medio independente con calidade. En papel, os proxectos que houbo, desde logo o último era lamentable, mais houbo algún anterior como Diario de Galicia que estaba moi ben, igual era moi ambicioso para o seu tempo, mais estaba moi ben. Por iso insisto, iso de que os galegos non poden ou non saben consumir produtos mediáticos de calidade non é certo, revélome contra esa idea.

-Unha cousa tamén sorprendente era estares vetado na RG durante o bipartito e non así na TVG. Había quen falaba dun reparto BNG a radio e PSOE a televisión.
Si, mais na RG había un certo peso do PSOE, un director que me tiña vetado e un xefe de informativos que tamén. Un por razóns persoais non sei se por envexa ou que e outro porque fora xefe de prensa dun político que eu criticara. Na televisión non estiven vetado a partir de metade de lexislatura ou así, ao comezo si tamén. Eu ir a debates tardei abondo, ademais iso tamén vai con cotas de partido coas que eu non tiven nada que ver.

-Ti cando caíches na conta de estares sufrindo unha depresión tan aguda?
Diagnosticáronma con dezaoito anos, mais logo de sabelo acabei caendo na conta que era algo real e que viña desde os dezaseis máis ou menos.

-Puideches saber cales foron as causas ou a raíz da túa depresión?
Si, cando o proceso de separación e divorcio dos meus pais que me colle nunha época difícil e nun lugar difícil que era Lugo, a miña cidade, mais como eu son un pouco cáustico, direi que é unha cidade un tanto medieval. Unha vez no mesmo día, nun organismo oficial e nun despacho privado de Lugo pedín uns documentos meus de hai tempo, cando estaba facendo o libro, e ambos os dous me pediron enviarlles un fax, unha cousa que me deixou teso. Era para dicirlles, que é un fax? É anterior ou posterior á muralla romana? Mais volvendo ao inicio da resposta, o momento en que me revelo contra o sistema nacionalcatólico que había na miña casa, xusto cando desaparecía por dimisión do titular, iso leveino mal. Hai cousas que gardei por cuestións que afectaban a terceiros.

Tampouco digo de pedirlle á xente heroicidades, mais toda esa suma crea unha atmosfera abafante, como o acontecido cos actores de Fariña

-Dentro desta depresión sendo como era e sendo ti consciente dela, sacar dúas carreiras e un doutorado, son tres victorias.
Tamén era unha maneira de ter ocupada a mente. Tamén as fixen en períodos de tregua da vella compañeira, ademais de facelas para formarme e pensar que esta sería a etapa da miña vida en que recollería os froitos da miña formación. De momento non estou podendo mais a ver que ocorre máis adiante.

-Cataluña dáseche moi ben.
Si e ademais hai unha cousa, eu non me chamo igual en Cataluña que en Galicia. Xa fóra da pronunciación do Anxo, Ancho, porque aquí o confunden, pois pensan que é como Antxon, e iso que o son do “x” palatalizado en catalán existe na palabra “xarxa”, que significa “rede”. Volvendo ao tema, en Galicia eu son Lugilde-Luxilde e en Cataluña eu son El Anxo, El Ancho ou l´Anxo. E aínda que en Cataluña tamén ten o seu caciquismo, sempre se valorou o traballo e eu eduqueime nese valor, moito máis no traballo que “de parte de quen vés”. En Cataluña chegas a unha tenda ás oito e un minuto e non ten atenden, son responsables no traballo dentro do seu horario. En Galicia chégache un e acabas pechando ás nove. Con todo, Cataluña ten os seus defectos e Galicia ten cousas que son mellores. Tamén dicir isto, Cataluña foi o meu lugar de resistencia profesionalmente primeiro porque sen La Vanguardia, eu xa tería que cambiar de profesión. Eu nunca pensei en claudicar ante a Xunta, porque o máis complicado aí foron as miñas críticas á TVG en Twitter. Era por unha cuestión de principios, porque eu non quería volver, xa o pasara moi mal. Xa cho digo, eu nunca pensei en claudicar diante do autoritarismo informativo en Galicia. Puiden seguir traballando como xornalista grazas a La Vanguardia, mais entre o que deixei e me quitaron perdín case a metade dos meus ingresos e tamén me axudou poñéndome en contacto co Hospital do Mar de Barcelona. En Galicia non hai nada parecido á atención psiquiátrica do Hospital do Mar. Eu que coñezo ben as dúas sanidades e por tanto dicir que a sanidade galega é a mellor de España é unha trangallada que non hai por onde a collela.

-Como comezou o proceso de recuperación?
Creo que a depresión é a antesala da morte. A Beiras débolle o título do libro, os emails marabillosos que me enviaba e ademais presentou o meu libro en Santiago. Beiras contoume cousas moi interesantes e unha delas é que “a depresión é a mandadeira da morte”. Vexo a antesala como a grande sala onde a maioría queda, porque o seguinte é a morte. Si é certo que a morte por suicidio está collendo niveis epidemiolóxicos, é moi elevada, ao caeren os accidentes de tráfico é agora a primeira causa de morte non natural. Sobre os datos que se dan sobre persoas con depresión diagnosticada, uns dous millóns cando se falou disto no Congreso, cifras moi altas, por tanto e afortunadamente hai moi pouca xente con depresión que se suicida. Mais si que a gran maioría cando a sofre ten desexos de morte. Chega un momento en que decides non vivir, mais o proceso non é lineal. Nesta crise que me deu, a terceira en cinco anos, estame costando moitísimo.

-Desta volta estás recibindo un apoio maior.
O que vou dicir non é unha crítica, non debe entenderse como unha crítica. Quizais recibín máis apoios durante o verán de 2019 cando participei nun ensaio clínico internacional. Sobre todo polas circunstancias sociais, porque a xente tiña moita máis dispoñibilidade para axudarche. Logo durante a pandemia a cousa foi moi complicada para todo o mundo, as empresas ou as persoas. Aínda que eu estaba ben, con moitos meses sen caer, cando a OMS declarou a pandemia, dixen “despois da sorte que tiven coa medicina e do esforzo que fixen e agora estando ben, quen enferma é o planeta”. A partir de aí o entorno fíxose máis hostil, non porque a xente non quixera axudarme, senón porque xa non había máis dispoñibilidade e eu funme pechando en min mesmo até que explotei.

Beiras contoume cousas moi interesantes e unha delas é que “a depresión é a mandadeira da morte”

-E sobre o libro “A vella compañeira” cal é a análise da súa recepción?
Home, entrevistáronme case todos os xornais de papel, agás La Voz de Galicia pola súa política, creo que a Rubido tampouco lle fixeron ningunha polo seu libro, é unha política cos seus “ex”. É unha política por deixar de renderlle pleitesía a don Santiago. En todos os dixitais principais do país e en TVE tres veces, Euskal Telebista, TV3, Onda Cero, Ser e RNE. Renxe moito que non chamasen nin fixesen ningunha recensión, a Radio Galega e TVG, iso confirma o das listas negras e o do control. Tamén estou certo de térenme feito máis publicidade coa súa censura. Aínda así, sei que para os Sánchez Izquierdo e os sicarios de Mar Sánchez non entenden que haxa xente cuxos principios non sexan os cartos. Non podo aceptar o feito de estar censurado, autoimpúxenme a misión de darlle visibilidade á depresión. Mais a min interésame facelo en Galicia, porque son galego, mais dicir que a acollida do libro está sendo moi boa. Fixen presentacións nas sete cidades durante épocas duras da pandemia. Fun ao Club Faro de Vigo, Foro La Región de Ourense e polo pouco que sei de vendas, en Galicia é satisfactorio. Así  pois, a súa censura me deu unha certa publicidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 123 comentarios

21 Dende Rande

Spidercan ata tés razón, que esa é outra, cantas veces teño denunciado a telegaita é daño que leva feito, como ten alelado as persoas precisamente das parroquias, é non digamos ó enano ese do programiña ese, que parece do terceiro mundo, ainda que non deixo de reconocer ó que poida aportar en canto a catro cousas desvirtuadas é folkloristas, porque esa é palabra que ai que darlle, ainda que de vez en cando poida aportar algo de xeito, pero que despois desfigura ó xuntalo con cantaores de outros lares.De pena, porque un "revoutallo" que chega ó insulto ó País., de pena, que os que asisten non se decatan, de que iso, de que os están a insultar, de que hai que ter un pouco de dignidade.Cando ó Presidente de éste País, se decatará de que hai que botar a todos fora, é cambiar, facer unha cousa nova, ou pechar, porque está tirando un montón de diñeiro para comprar vontades que despois, ollo andan por riba a falar mal de él.

20 Spidercan

Eu que pensaba que unha boa parte dos pailáns das parroquias votaban ao PP, chegas ti e dis que non é así. Que hai que ir ás raíces. Que queres que che diga. Que ser pailán está moi ben. Para que queremos ir a Lúa si xa temos o Luar, e para que queremos curar o cancro si xa o temos no horóscopo. Non, si o que dis non é malo de todo. Moita xente deste país esta moito máis perto das raíces que do desenrolo humano e filosófico. Enténdote. Andas á procura de parroquia e aquí sempre a vas ter. Que queres que che diga, eu uns días pranto patacas. Pero dóeme o lombo a cotío e non estou para moitas lerias. Os de Neda estarán máis dacordo co teu prantexamento que co meu. Non hai dúbida.

1 raízes citadinas

Pailães a votar no PP hai-nos nas paróquias e nas cidades. De facto, não cumpre um ser do rural para ser pailão: um pode sê-lo à perfeição no meio da urbe, mesmo que tenhas iPAD e compres as patacas que papas no Gadis sem ter que dobrar o lombo..

2 Spidercan

Xa sabia que alguén ía dicer iso. Dacordo. Tanto no rural como nas cidades hai o mesmo problema cos votantes. Pero eu lhes chamaría a moitos deles (non a todos)votantes da posguerra.

19 Dende Rande

Non debemos esquecer que as patacas veñen de Exipto, ó aceite de Marrocos, Portugal, que os nosos montes podían estar plantados de oliveiras, noceiras, castaños, arbores nobles para madeira que se poidera traballar facendo mobeles como toda a vida os carpinteiros que unha cama foxe unha cama, non unha me.da de Ikea, ou unha mesa tivese na casa un unha mesa é CADEIRAS das que presumir, un comedor en condicións feito por un ebanista galego que desgraciadamente non hai, canto se podía facer nos NOSOS CAMPOS, NOS NOSOS MONTES SI A NOSA XUVENTUDE TIVESE ESPIRITU DE TRABALLO, A RECUPERACIÓN DAS ALDEAS AINDA É POSIBEL, SI ESTES PEILÁNs DE APRENDICES DE POLÍTICOS POÑEN AMOR Ó CORAZON ENTREGA É TRABALLO POLA SUA TERRA, NON VAN TAMÉN COMO TODOS A POLO DIÑEIRO, A POLA "AFOTO". HAI QUE MIRAR A QUEN VOTAMOS, PORLLE LISTÓNS NON VOTAR A CALQUERAR SI ACASO INCLUSO IR A BUSCAR A CASA OS QUE SE DEBIAN PRESENTAR, PORQUE SE PRENSENTN OS QUE NON VALEN PRA OUTRA COUSA.

18 Dende Rande

Queridos amigos dende ó conocemento dende a base, dende a experiencia, eiqui falla unha cousa as gañas de traballar, A NOSA TERRA, afortunadamente ten de todo, hoxe ten aldeas abandonadas, casas do mellorciño terra, montes, agua, terra pero na que se pode recoller azafrán como dirián os vellos, hai paro na xuventude porque repito é non quero nin ferir sensibilidades nin ofender nin molestar mentras existan paro, economías sumerxidas, para que carallo traballar, os rapaces de hoxe en dia podían facer cooperativas para ó que hai subvencións de abondo, subvencións para rehabilitar esas casas abandonadas que están mercando non soio os cataláns, sinón ata os americanos, rusos, etc., que é de pena, que ben podían vivir si tivesen ganas de traballar, pero é mellor estar sentados nunha terraza falando polo móvil, asi está ó País, asi non triunfará ningún partido nacionalista porque tampouco teñen ideas, nin hai líderes.

1 P. Pires

A mocidade tem a cultura/incultura que lhe incutiram desde a família e a sociedade. É preocupante a falta geral de costumes e habilidades práticas. Mas nem todo o pessoal jovem é igual. Cada pai/mãe temos tarefa com os nossos filhos. A primeira idade é muito importante para a formação do carácter e dos valores. Aos 15 geralmente é tarde.

17 P. Pires

Por exemplo o Velocar: http://youtu.be/T5EA55EphgI Mudanças de paradigma no século XXI