Pontón responsabiliza a Feijóo do "esperpento" que vive o Concello de Ourense

O BNG rexeita emprender accións legais ante a expulsión do seu portavoz municipal: "Ninguén nos vai facer perder nin un segundo en nada que non sexa o noso obxectivo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2022 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, responsabilizou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do "esperpento" que vive o Concello de Ourense. A líder dos nacionalistas galegos desprazouse ata Ourense para dar apoio aos concelleiros da súa formación na cidade das Burgas e para felicitalos pola súa "serenidade" ante un goberno local que, asegurou, converte "os plenos nun circo".

Desta situación, Ana Pontón responsabilizou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao asegurar que é el quen permite "un alcalde letal" e deixa a terceira cidade de Galicia "nun completo abandono". "Cremos que Ourense necesita apostas en positivo para saír adiante porque é unha cidade abandonada por Feijóo", dixo Pontón, que acusou ao presidente galego de "antepor os seus intereses partidistas" ao manter un goberno local "instalado no esperpento".

"Ourense merece máis que as promesas incumpridas do presidente da Xunta e obras de segunda que son parches", afeou Pontón, que puxo como exemplo a situación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, "que pasa por un continuo parcheo" en lugar de "pór en marcha un centro hospitalario do século XXI como noutras cidades".

Tamén se referiu a a situación de distintas rúas, en especial a Avenida Otero Pedrayo que "despois de máis de dous millóns de euros non une o campus, non calma o tráfico e non soluciona os problemas de mobilidade".

Con todo iso, asegurou que queda constatado o "abandono de Ourense", un abandono do que incidiu "ten a culpa Feijóo" como "máximo responsable tanto na súa faceta de presidente da Xunta como presidente do Partido Popular". Deste xeito, manifestou que a súa formación está "empeñada" en facer propostas en positivo para "mellorar a vida dos veciños afrontando os problemas reais da cidade".

Foi nesta liña cando, preguntada por se o BNG emprenderá accións legais ante a expulsión do seu portavoz municipal no pasado pleno, Pontón manifestou que a xudicialización da vida municipal é "unha das cuestións que contribúen á parálise da cidade". Así, esgrimiu que os nacionalistas "non contribuirán a esta paralización" porque os veciños "xa saben quen é o responsable". "E non nos movemos un milímetro do noso obxectivo, seguir traballando pola cidade", apostilando que son "alternativa a este desgoberno".

Pola súa banda, o portavoz municipal, Luís Seara, fixo fincapé na mesma idea. "Ninguén nos vai a facer perder nin un segundo en nada que non sexa o noso obxectivo", dixo antes de explicar que nin ten constancia da denuncia que leu o rexedor municipal no pasadopleno, nin "ninguén" lle "tomou, polo momento, declaración".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participa nun acto simbólico de denuncia da exclusión financeira en Galicia, a 7 de febreiro de 2021, na Coruña. M. Dylan - Europa Press
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participa nun acto simbólico de denuncia da exclusión financeira en Galicia, a 7 de febreiro de 2021, na Coruña. M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta