O Colexio de Xornalistas a Jácome: "É intolerábel o trato que dá aos profesionais"

Esíxelle ao alcalde de Ourense que cese inmediatamente o seu reiterado desprezo á profesión xornalística.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 16/02/2022 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Este luns 14 de febreiro, Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, negábase a contestar, de moi malos modos, a un compañeiro de La Región que nin chegaba a poder rematar de formular a súa pregunta.  Non é a primeira, nin será a última vez, que este representante público maltrata a informadores.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Concello de Ourense.

Por iso, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considera "intolerábel" o trato a un xornalista por parte do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e esíxelle que cese dunha vez por todas os seus desprezos reiterados cara aos informadores, equivalentes na práctica a ataques á liberdade de prensa impropios de calquera servidor público.

"Cómpre lembrar que non responder a un xornalista que, no exercicio da súa  función de informador, pregunta con educación é tamén un xeito de censura e un límite á liberdade de prensa e de opinión impropio en democracia", indica o CPXG nun comunicado. Esta entidade lembra que posto de rexedor público conleva unha serie de obrigas de transparencia e rendición de contas, e entre elas inclúese a de atender a todos os medios de comunicación e xornalistas, independentemente da súa liña informativa. "Alén da evidente falta de respecto e educación, non contestar as preguntas dun determinado medio non é máis que un ataque ao pluralismo mediático que non debe ser permitido na nosa sociedade", engade.

Esta non é a primeira vez que o Colexio de Xornalistas se ve na obriga de lembrarlle ao rexedor ourensán o seu deber de respectar o labor das e dos profesionais dos medios de comunicación. "Son xa tan reiterados os ataques de Pérez Jácome ao exercicio do xornalismo que non poden ser vistos senón como unha estratexia consciente de ataque ás liberdades de información e de prensa na cidade de Ourense", indica. É por isto que o Colexio de Xornalistas reclama que o alcalde poña fin inmediatamente a toda esta ofensiva de menosprezos e agresións e restabeleza a relación profesional cos medios que é a esperábel nun cargo público. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Ese Colexio de Xornalistas aínda non foi a ningunha rolda de prensa de Abel Caballero ? Se carecen de información poden preguntarlle ao propietario de Hermes TV ou buscar calquera vídeo dos que ten colgados na súa web ! Hai verdadeiras marabillas para documentar o desprezo profundo da prensa que non se axeonlla ante o alcalde de Vigo ! Aínda non vimos a ningún xonal denunciar este comportamento (por se acaso) ?

1 anonimo

Non o atura ninguén. Lévase mal con todos. E infantil, acomplexado, sen estudos de nada, e moi torpe socialmente.