Drons galegos para o mantemento de parques eólicos de México, Italia ou Portugal

A compañía galega 'Aerocamaras' desenvolveu un sistema de aeronaves non tripuladas que axiliza e abarata o mantemento de infraestruturas enerxéticas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Galicia é o lugar de orixe dos drones que na actualidade están desenvolvendo as inspeccións técnicas de grandes parques eólicos de Portugal, Italia ou México. A crecente demanda enerxética levou a moitos países a reforzar as súas fontes de enerxía renovables e a apostar por estes vehículos aéreos non tripulados para mellorar o mantemento das infraestruturas.

Dron da compañía galega 'Aerocámaras' para facer inspeccións técnicas en parques eólicos
Dron da compañía galega 'Aerocámaras' para facer inspeccións técnicas en parques eólicos | Fonte: aerocamaras

A compañía que impulsou este sistema de inspeccións é a galega Aerocámaras, cuxa tecnoloxía xa opera a nivel estatal e internacional, ao destacar a súa presenza en Latinoamérica. Ata o de agora, os drones da firma galega sobrevoan parques eólicos de Portugal, Italia e México, mais nos próximos meses, comezarán a operar en Porto Rico, Chile e Brasil. Estes servizos, que son executados por pilotos profesionais, representan unha tecnoloxía que "aspira a ser esencial no mantemento de infraestruturas de todo o mundo e que xa foi posta en práctica en España", indica a propia compañía.

Entre as vantaxes que achega o emprego de drones para as inspeccións técnicas destacan a eficacia e seguridade na comprobación do estado das estruturas, ademais da axilidade para detectar avarías e descartar falsas alertas. "O sistema permite abaratar custos á vez que se inspeccionan grandes superficies en tempo marca, ao facilitar o acceso a zonas complicadas e detallar o estado da estrutura grazas a diferentes clases de medicións", explica o equipo técnico.

Así, estes aparatos axudan a revisar torres e pas de gran altura con maior comodidade e seguridade, posto que ata agora, a inspección e o mantemento de turbinas eólicas realizábase con guindastres e plataformas hidráulicas, ou con cordas e andamiaxes coas que había que escalar as estruturas e asumir uns tempos e riscos moito máis elevados. "O sector pedía a berros un cambio e os drones destapáronse como a solución". Numerosos parques eólicos de diferentes puntos do mundo mantéñense agora a través de drones de orixe galega. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta