A maldición de Terranova: as augas que afundiron o Titanic e plataformas petrolíferas

Nos últimos 30 anos, 4 buques galegos afundiron neste caladoiro.

Por Galicia Confidencial | VIGO | 16/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Temidas dende hai séculos polos pescadores, as augas de Terranova tragaron moitos barcos durante moitos séculos de historia. Son augas ben coñecidas polos mariñeiros galegos, que atoparon na costa canadense un rico e enorme caladoiro onde faenar pero tamén enormes perigos: gran cantidade de icebergs que dificultan a navegación e temperaturas xélidas que practicamente imposibilitan a supervivencia no caso de caer á auga. Augas que contan cun longo historial de traxedias entre as que se atopa o afundimento do máis coñecido dos buques: o Titanic.

Recreación do afundimento do Titanic
Recreación do afundimento do Titanic | Fonte: BBC

E á lista negra de naufraxios súmase, tristemente, a do 'Villa do Pitanxo', un arrastreiro conxelador de 50 metros de eslora, con base en Marín, que pescaba fletán. Nel navegaban 24 tripulantes: 3 deles foron rescatados con vida e recuperáronse os corpos de 9 mariñeiros falecidos mentres continúa a busca en condicións especialmente desfavorables de 12 persoas desaparecidas. O temporal afecta a unha zona na que se traballa nas tarefas de rescate con ventos de 40 nós, ondas de ata dez metros, baixas temperaturas e visibilidade reducida pola néboa en augas do Atlántico Norte.

Trátase do máis tráxico naufraxio dun barco de pesca galego dende 1978, cando o 'Marbel' chocou contra unha gran roca preto das Illas Cíes e 27 mariñeiros perderon a vida.

COINCIDENCIAS DE AFUNDIMENTOS: VILLA DE PITANXO E OCEAN RANGER

A alarma do 'Villa do Pitanxo' disparouse na madrugada do 15 de febreiro, ás 5:24 horas estatal, cando o Centro Nacional de Coordinación de Salvamento Marítimo (CNCS) de Madrid recibiu dúas altertas do buque galego. Precisamente un 15 de febreiro hai 40 anos tiña lugar a traxedia do 'Ocean Ranger', unha plataforma semisumerxible no alto mar na zona de Grand Banks en Terranova, que se viu afectada por unha forte treboada con 84 obreiros falecidos.

E foi tamén un día 15 pero en abril e no 1912 cando afundiu o Titanic, o máis famoso de todos os barcos. O denominado "barco dos soños" debía chegar a Nova York pero naufragou catro días despois de partir dende Southampton, en augas de Terranova. A "mellor máquina que endexamais construíra o ser humano" chocaba ás 23:40 dun 14 de febreiro cun iceberg, e faltaríanlle só un par de horas para afundir a 3.800 metros de profundidade. No sinistro faleceron entre 1.491 e 1.513 persoas.

Menos coñecidos son outros naufraxios. O primeiro dos documentados en augas de Terranova no conxunto do ámbito estatal é o dun baleeiro vasco, o 'San Juan', que afundiu no 1565 na mentres ía en busca da tan valorada graxa das baleas. Hai outros buques, desta volta galegos e na historia recente, que foron tragados polas augas da illa recóndita. É o caso do 'Izarra I' (pesqueiro vigués que naufragou no 1992), o 'Arcay' (rescatador vigués que precisou ser rescatado no 2003) e o 'Monte Galiñeiro' (embarcación con sede tamén en Vigo que quedou nas profundidades no 2009). Afortunadamente nestes tres naufraxios non houbo que lamentar vítimas mortais, todos os tripulantes puideron ser rescatados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta