A Biblioteca de Emilia Pardo Bazán xa é oficialmente BIC

Este recoñecemento supón un réxime de máxima protección para estes volumes, entre os que hai algúns manuscritos dedicados polos autores a Pardo Bazán e literatura do Século de Ouro español, do século XIX e principios do XX, francesa e española e unha boa representación da literatura galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2022 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC) a Biblioteca de Emilia Pardo Bazán, composta por case 11.000 volumes, dos cales máis de 7.800 están custodiados na sede da Real Academia Galega (RAG) e uns 3.000 no interior de Meirás.

Diso informou a Xunta nun comunicado, no que sinala que, para acreditar este recoñecemento se valorou a súa "singularidade e carácter único". Ademais destacouse o valor dos volumes con primeiras edicións e algúns manuscritos dedicados polos autores a Pardo Bazán, con literatura do Século de Ouro español, do século XIX e principios do XX, francesa e española e unha boa representación da literatura galega.

Ademais, a Biblioteca de Emilia Pardo Bazán cualifícase como unha "colección esencial" por ser creada pola propia autora e tamén por ser consecuencia das súas relacións cos seus contemporáneos. Na Biblioteca hai volumes de Historia, Filosofía, Socioloxía, guías de viaxes e unha gran representación da prensa da época de Pardo Bazán, na que ela colaboraba. Algúns dos documentos destacados que se poden atopar son o libro de Saavedra Fajardo Empresas políticas (1648) ou primeiras edicións de Voltaire, do século XVIII.

A declaración como Ben de Interese Cultural da biblioteca de Emilia Pardo Bazán é un recoñecemento do valor cultural que supón un réxime de máxima protección, que non afecta á titularidade do ben. As persoas propietarias ou titulares dos dereitos reais sobre os seus bens están obrigadas, entre outras cousas, a conservalos, mantelos e custodialos debidamente, ademais de evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

Coa aprobación deste decreto, a Xunta de Galicia completa un ano de posta en valor e divulgación do patrimonio da autora, despois de que en 2021 se iniciase unha programación con medio centenar de actividades académicas e culturais para achegar a figura de Emilia Pardo Bazán a todos os públicos no ano do centenario do seu falecemento.

TRES BIC EN MEIRÁS

Con esta declaración, o Pazo de Meirás suma xa tres bens declarados BIC. O primeiro foi en 2008, coa declaración do Pazo coa categoría de sitio histórico, e a segunda en 2019 co nove estatuas da porta exterior do Pórtico da Gloria, obra do Mestre Mateo, dous das cales se atopan actualmente en Meirás. Nestes momentos, a Xunta e o Goberno central negocian un convenio para ampliar o BIC do Pazo de Meirás para tratar de incluír determinados elementos do interior vinculados a Pardo Bazán.

Biblioteca de Emilia Pardo Bazán. RAG
Biblioteca de Emilia Pardo Bazán. RAG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta