A paisaxe en Europa

Europa trouxo a modernidade a Galicia. Inda que para uns sectores supuxo un lastre importante, para outros moitos representou a esperanza dun futuro.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 14/05/2014

Comparte esta noticia
Guste máis ou guste menos, sen a influencia da Unión Europea, o noso país non tería experimentado a transformación vivida nas últimas décadas. Sen embargo, o estado actual volve ser comatoso, sen marxe sequera para os matices. Cada aspecto que repasemos prodúcenos unha preocupación próxima á anguria. Porén a maioría son aspectos reversibles, cuxa evolución podería corrixirse a partir de políticas distintas ás aplicadas ata agora. 
 
Mais hai un eido de especial significación no cal a situación, ademais de crítica, empeza a ser irreversible: a paisaxe. Non esquezamos que alén do seu valor inmaterial (incalculable), a paisaxe implica repercusións transcendentes sobre actividades económicas en múltiples sectores, en especial no turístico, no medioambiental, no agrogandeiro e, por suposto, no forestal, así coma nas industriais vinculados a eses sectores primarios.  
 
Dado que os distintos gobernos (estatal, autonómico, municipal) continúan no seu empeño de deturpar e arruinar a paisaxe galega, non queda outra que mirar a Europa na busca de algunha expectativa favorable. O Camiño de Santiago representa un dos elementos vertebradores de Europa. Se facemos o Camiño dende o seu punto máis setentrional, alá onde se agocha a aurora boreal, cruzaremos segundo as variantes, Noruega, Dinamarca, Holanda, Bélxica, Alemaña, Austria, Suíza e necesariamente Francia. Chegamos a Roncesvalles, ese cartel indicando que faltan 790 quilómetros para Compostela. Entramos por Navarra, La Rioja e directos ata Pedrafita. Teremos percorrido Europa de norte a sur, países avanzados, de rendas altas, con estratexias rurais definidas, auténticas potencias forestais, e non teríamos atopado nin o primeiro eucalipto na nosa ruta. Mais chegamos a Galicia e aquí todo cambia. 
 
É difícil encontrar números precisos actualizados. Cos que hai e máis coa simple observación visual, podemos afirmar que as especies alóctonas, eucalipto e piñeiro, xa acadan máis do 50% do terreo forestal galego. É un fenómeno único en Europa (co norte de Portugal), posiblemente no mundo: que as especies foráneas superen en extensión ás autóctonas. Pero a cousa é aínda máis grave. O eucalipto é xa a árbore predominante na paisaxe galega. E aínda máis terrible: o 80% do que se planta novo é eucalipto, máis do 10% piñeiro e os restos para as árbores autóctonas. Os eucaliptos seguen acosando as zonas chamadas mixtas con predominio de especies propias e mesmo amplos espazos de áreas protexidas. 
 
Galicia está a destruír a súa paisaxe, a desprezar a súa fisionomía orixinal, a deturpar o seu ecosistema e a maltratar o seu medio natural. Mesmo tendo que enfrontar desafíos enormes en moitos eidos, este da paisaxe resulta o máis esencial polo seu carácter irreversible, como diciamos antes, e tamén polo seu impacto en riscos básicos da idiosincrasia do país. Por iso habemos mirar a Europa e a estas eleccións. Porque, visto o desenvolvemento dos últimos 50 anos, so de Europa pode vir a solución. 
 
Precisamos unha lei decisiva de protección e de recuperación das paisaxes propias. Unha norma que obrigue a confinar as especies alóctonas en espazos delimitados non propicios para o bosque autóctono. Que esixa a tala urxente de árbores foráneas en zonas mixtas onde estea a substituír as especies propias, así como nas áreas protexidas. Que impida as novas plantacións e mesmo que rectifique as dos últimos anos. Por suposto, que contemple o resto de elementos paisaxísticos coma a conservación dos ríos, etc. Unha regulamentación que vincule os estados membros, os gobernos autónomos e tamén os concellos (atópanse municipios lindeiros entregados ao eucalipto como Vedra ou Touro canda outros coma Silleda ou Vila de Cruces nun estado esperanzador). 
 
En resumo, necesitamos Europa para restituír a fisionomía de Galicia que nos foi dada e que nos é obrigado preservar para garantir a súa supervivencia. A seguir deberase artellar unha política rural, agrogandeira, forestal e medioambiental, que permita obter dos recursos naturais un alto rendemento en termos de riqueza e emprego. Iso ou renunciarmos ao que somos e transformármonos noutra cousa. Nun enorme eucaliptal, por exemplo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego