Precariedade na sanidade galega?... enfermeiras asinan máis de 100 contratos co Sergas

O colectivo 'Enfermeiras Eventuais en Loita' publica os resultados dunha enquisa que tira datos "alarmantes" sobre a precariedade no sector e a falta de enfoque de xénero.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/02/2022 | Actualizada ás 22:10

Comparte esta noticia

Preto de 1.500 enfermeiras participaron unha enquisa realizada polo colectivo 'Enfermeiras Eventuais en Loita' cuxos resultados veñen de facerse públicos. Resultados que segundo o colectivo "non fan máis que confirmar as nosas protestas e reclamacións", pois apuntan a unha excesiva temporalidade no sector, á precariedade xeralizada, ao malestar das traballadoras, ás promesas incumpridas do Sergas, e á ausencia de perspectiva de xénero.

Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19
Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19 | Fonte: EFE

Do total das participantes na enquisa, o 89% foron mulleres e o 47% teñen entre 30 e 40 anos. Desas case 1.500 mulleres, os resultados arroxaron que o 71% é persoal eventual fronte o 22% que ten un contrato en praza vacante e só un 6% praza en propiedade. Para o colectivo de enfermeiras, a excesiva temporalidade é unha das cuestións que máis patentes quedan na enquisa, pois o 62% das enfermeiras participantes asinaron na súa vida laboral máis de 100 contratos no Sergas.

Ademais, indican dende 'Enfermeiras Eventuais en Loita', o 92% das enquisadas considera inxusto o sistema de chamamentos que emprega o Sergas e o 57% considera que existen diferenzas entre áreas. E en relación á promesa do Sergas de dar ao persoal 3 días de libre disposición por traballar en unidades COVID durante o primeiro ano da pandemia, só o 40% das mulleres participantes afirmou que se lle permitiu desfrutar destes días.

Doutra banda, e non menos "alarmante", o 74% das mulleres que traballaron embarazadas afirma que non se lles realizou unha adaptación de posto durante esa etapa laboral. "E o peor dos datos continúa xa que o 41% non puideron desfrutar de horas de lactancia e o 24% foilles moi complicado debido ao tipo de contratos que se realizaban", lamentan dende 'Enfermeiras Eventuais en Loita'. Así, o 93% das participantes considera que o Sergas non ofrece un trato axeitado ás mulleres traballadoras embarazadas, e durante a pandemia sanitaria tan só o 13% viu adaptado o seu posto laboral por estar coa lactancia ou en situación de risco.

A enquisa revela tamén que o 69% das enfermeiras está "nada satisfeita" coa xerencia da súa área e o 70% delas se plantexaron nalgún momento abandonar a profesión debido á precariedade levan anos sufrindo. "Está nas mans das que nos xestionan e dirixen, non podemos seguir estirando a corda da precariedade laboral e a mala xestión", reclama o colectivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta