Xa é oficial, o 23 de febreiro será o día de celebración do nacemento de Rosalía de Castro

Unha investigación levada a cabo por Sagrario Abelleira no Arquivo Diocesano de Madrid, coa colaboración da arquiveira Irene Galindo, documenta o 23 de febreiro como a data da chegada ao mundo de Rosalía de Castro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2022 | Actualizada ás 21:11

Comparte esta noticia

O Goberno galego elevou ao Consello un informe sobre a recente modificación na data de nacemento de Rosalía de Castro tras a aparición dunha declaración notarial que fixa no 23 de febreiro, e non no 24, o día en que naceu a autora.

Tal e como xa se anunciou, queda oficializado así o cambio de data polo que o Goberno autonómico anima ás entidades e institucións públicas e privadas a trasladar as celebracións a ese día cunha programación de actos e actividades que actualicen a figura e o legado literario e cultural de Rosalía de Castro.

A decisión do cambio tómase despois de que en xaneiro se celebrase unha reunión na Fundación Rosalía de Castro en Padrón coa participación do padroado da entidade e demais institucións e asociacións vinculadas á figura da autora.

Neste foro acordouse trasladar o día de celebración do nacemento de Rosalía de Castro. Aceptábase así o resultado da investigación do filóloga Sagrario Abelleira, que detectou o erro na historiografía rosaliana, xa que a datación do seu nacemento situábase ata agora no día 24 de febreiro de 1837.

Unha investigación levada a cabo por Abelleira no Arquivo Diocesano de Madrid, coa colaboración da arquiveira Irene Galindo, detectou o erro na fixación desa data e documenta o 23 de febreiro como a data da chegada ao mundo de Rosalía de Castro.

Feijóo preside o Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Feijóo preside o Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

LEI DO CLIMA

A Xunta avanza na tramitación da primeira Lei do clima autonómica, co obxectivo principal de consideralo "un valor prioritario e protexido" en todas aquelas políticas, con independencia da súa natureza, que se desenvolvan no futuro na Comunidade.

O anteproxecto desta futura normativa iniciará este venres 18 de febreiro o período de consulta pública previa, para que o conxunto da sociedade coñeza os motivos polos que nace a lei e facela partícipe, a través das súas achegas, "co fin de enriquecela".

A Xunta defende que as consideracións xeográficas, climáticas, sociais e económicas son fundamentais para avaliar e valorar a vulnerabilidade, xestionar os riscos e identificar escenarios futuros para as variables climáticas. Nese sentido, as políticas, estratexias, plans de acción e lexislación que se impulsen na Comunidade deberán ponderar o alcance dos seus efectos sobre o cambio climático.

Esta lei será a primeira que recoñeza como un deber legal conseguir a neutralidade climática de Galicia no ano 2050; e promoverá un crecemento tranquilo e unha transición ordenada, non só para conseguir os obxectivos climáticos; senón tamén para facilitar a planificación e mellorar os efectos da totalidade de investimentos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta