Activada a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2022 | Actualizada ás 10:32

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou unha alerta laranxa por temporal costeiro para a xornada deste venres no litoral das provincias da Coruña e Lugo.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir deste venres ao mediodía empezará un fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa por mar combinado do noroeste con ondas de cinco a seis metros na costa da Coruña e na Mariña lucense. No litoral de Pontevedra o aviso será de nivel amarelo por mar combinado do noroeste con ondas de catro a cinco metros.

Por este motivo e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, é dicir, de diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ondas na praia de Razo, en Carballo (A Coruña)
Ondas na praia de Razo, en Carballo (A Coruña) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta