Case 500 adolescentes galegos farán radio para combater o machismo e o discurso de odio

Este proxecto forma parte da plataforma de innovación educativa "Plan Proxecta".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/02/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

As catro provincias galegas nas vindeiras semanas encheranse de radio feita por adolescentes para mudar unha realidade. Case 500 mozos e mozas que participan este ano no proxecto de educación en valores "Activistas polo mundo queremos" realizarán programas de radio dende os seus institutos para combater o machismo, os abusos ambientais ou o discurso de odio contra a migración e o colectivo LGTBIQ+.

Adolescentes galegos facendo radio para combater o machismo e o discurso de odio
Adolescentes galegos facendo radio para combater o machismo e o discurso de odio | Fonte: Agareso

En obradoiros anteriores o alumnado aprendeu o que significa ser unha persoa activista tanto na Galiza coma noutras partes do mundo. Tamén reflexionaron como a radio pódelles axudar no seu activismo. Agora os mozos e mozas locutarán e gravarán os seus propios programas de radio de denuncia e transformación social.

O IES Lauro Olmo, de O Barco de Valdeorras será o primeiro centro que gravará os seus programas o próximo luns 21 de febreiro. O mércores 23 será a quenda do IES Fonmiñá da Pastoriza e pechará esta primeira semana o IES Chapela de Redondela que fará o seu programa radial o venres 24 pola mañá.

Tralo Entroido, nas vindeiras semanas irán gravando o resto dos centros educativos participantes: O IES Alfonso X O Sabio (Cambre), o IES Aquis Celenis (Caldas de Rei) e o IES A Pinguela (Monforte de Lemos).

Esta é a novena edición dun proxecto que en anos anteriores xa chegou a máis de 3.500 alumnos e alumnas de toda Galicia e que é posible grazas a unión de tres ONGs, Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP)  e ao financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta