'Caldo de gloria' na hostalería de Allariz para celebrar o Día de Rosalía

O Concello de Allariz festexará o nacemento de Rosalía de Castro con varias actividades, entre as que está esta iniciativa na que participan os establecementos hostaleiros locais.

Por X.M. Fernández | Allariz | 18/02/2022 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

O Concello de Allariz vén de presentar este venres 18 de febreiro no xardín gañador do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, adicado a Rosalia de Castro, a programación que lembrará a súa figura ao longo da derradeira semana deste mes.

Presentación das actividades do Día de Rosalía. Foto: Concello de Allariz
Presentación das actividades do Día de Rosalía. Foto: Concello de Allariz

Na presentación, a Alcaldesa, Cristina Cid, resaltou a traxectoria de Rosalía durante a súa vida e todo o que aportou así como todo o que loitou en defensa da muller. Cristina resaltou a importancia que ten para o noso territorio contar cunha poeta da riqueza de Rosalía de Castro.

Pola súa banda, Juan Antonio Seara, técnico de cultura, deu conta das actividades que están programadas. O mércores 23 haberá un roteiro teatralizado sobre a vida de Rosalía: “A historia de Allariz e a poesía de Rosalía van da man”. Serán tres pases, dous pola mañá para o alumnado o IES de Allariz, e outro ás 18:00 h. de libre asistencia que comezará na Praza do Eiró. O espectáculo contará con música en directo.

IMPLICACIÓN DA HOSTALERÍA 

A área de Promoción Económica, Comercio e Turismo, en colaboración coa Fundación Rosalia de Castro e con varios establecementos hostaleiros locais, celebrarán esta data servindo dentro das súas cartas “Caldo de Gloria” os días 23, 26 e 27 de febreiro.

O obxectivo desta iniciativa é conmemorar o nacemento da poeta, lembrando o poema "Miña casiña, meu lar" (Follas novas  1880) no que Rosalía explica coma facer un caldo de gloria e as dificultades para sobrevivir da xente humilde, representada nunha muller como Rosalía.

Os establecementos participantes contarán, grazas á fundación Rosalía de Castro, con manteis de papel individuais co poema. Os locais son: Fío de Liño, O Pepiño, Casa Pepiña, Petiscos, Restaurante Alarico, Restaurante Camping Hípica Os Invernadoiros e o Oca Vila de Allariz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta