As exportacións galegas superaron os 25.000 millóns de euros en 2021, "o mellor ano desde que hai rexistros"

Destacan tamén a balanza comercial galega, "a mellor de España en termos absolutos", cun saldo positivo de 5.154 millóns de euros", segundo o Igape.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/02/2022 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

As exportacións galegas superaron os 25.000 millóns de euros en 2021, "rexistros históricos", que converten ao pasado ano en "o mellor desde que hai rexistros". O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, ofreceu este venres unha rolda de prensa na sede do instituto onde detallou estes datos. En concreto, as vendas ao exterior de Galicia alcanzaron os 25.269,6 millóns, un 21,1% máis que no 2020, e tamén por enriba do 12% con respecto ao 2019, antes da pandemia.

Colector para exportacións
Colector para exportacións | Fonte: Europa Press.

"O noso tecido empresarial demostra, unha vez máis, a súa capacidade de adaptación e de mellora, tamén en épocas máis complicadas. E faino alcanzando un rexistro histórico que permite superar por quinto ano consecutivo a barreira dos 20.000 millóns", explicou Guldrís.

O responsable do Igape tamén pormenorizou os datos por provincias, mellorando todas os seus rexistros de exportacións. Así, na Coruña, as vendas ao exterior alcanzaron os 11.457,4 millóns de euros no 2021, o que supón un incremento do 32,3% con respecto ao ano anterior. Na provincia de Pontevedra, creceron un 11,2%, ata os 12.072millóns; en Ourense, incrementáronse un 32,1%, por enribs da barreira do mil millóns; e no caso da provincia de Lugo creceron un 23,6%, ata os 723,2 millóns.

En canto aos sectores con máis peso nas exportacións galegas,resaltou o papel do téxtil, cun "crecemento significativo" ao acumular 5.702 millóns, o que supón un 30,3% máis que con respecto ao 2020; a automoción, con máis de 7.041 millóns (+4,6%); a industria do metal, que supera os 1.865 millóns (+52,8%), e o sector agroalimentario, con preto de 3.527 millóns e unha subida de case o 14% en relación ao 2020.

A estas industrias engadiu o "bo comportamento" do naval, cun incremento interanual do 66,8% e co que supera os 583 millóns de euros; así como o aeroespacial, un sector emergenteque crece un 83,2%, situándose por encima dos 18 millóns.

BALANZA COMERCIAL

Outro dos datos máis positivos, en palabras do propio director do Igape, foi a balanza comercial galega, "a mellor de España en termos absolutos" e "cun saldo positivo de 5.154 millóns de euros entre as exportacións e as importacións contabilizadas no último exercicio".

Unha situación, apuntou, que "contrasta co conxunto estatal, que continúa en números vermellos (-26.177,9 millóns de euros), co que case se duplica o déficit con respecto ao ano anterior".

"Con este novo fito, Galicia aséntase como un referente, representando o 8% do total das exportacións estatais, e liderando, xunto ao País Vasco, as Comunidades Autónomas que claramente marcan o ritmo no norte de España", defendeu Guldrís.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta