O desencontro nacionalista de Amio

Neste ano que ven de comezar, cumpriranse dous aniversarios significativos. Hai 40 anos -no mes de setembro de 1982- naceu o BNG despois dun proceso de unificación de varias correntes nacionalistas. Nos últimos días de xaneiro de 2012 tivo lugar a XIII Asemblea Nacional do BNG -celebrada no recinto compostelán de Amio- que orixinou o posterior abandono dunha parte -minoritaria pero relevante- da organización frontista.

Por Xesús Veiga | Compostela | 21/02/2022

Comparte esta noticia

Estes dous acontecementos simbolizan acaídamente as tendencias dominantes na historia do nacionalismo galego contemporáneo: construír dinámicas de converxencia entre opcións diferentes e destruír, posteriormente, as realidades unitarias acadadas. En diversas ocasións téñense utilizado as referencias mitolóxicas de Penélope e Sísifo para ilustrar o sucedido nestas décadas pasadas: tecer para logo destecer; subir a pedra ao cimo da montaña e permitir despois a súa caída.
 
A partir da primeira década na vida do novo BNG fóronse incorporando algúns segmentos organizados (PNG, INZAR, UG) a un espazo no que xa habitaban outros dende o momento fundacional (UPG, EN, CS). A benéfica combinación entre unidade e diversidade foi posíbel porque existiu unha vontade manifesta para delimitar un mapa de obxectivos programáticos comúns e colocar nun lugar secundario as coñecidas diferenzas entre as distintas partes da organización resultante. Ademais dese mínimo común denominador na definición do ideario, resultou decisiva unha xestión do funcionamento interno favorecedora dos consensos integradores e contraria a unha aplicación burocrática das maiorías aritméticas.
 
A Asemblea de Amio constituíu o desenlace dun proceso de involución nas dinámicas virtuosas rexistradas nos anos anteriores. A pesar do mantemento das referencias programáticas fundamentais e da inexistencia de conflitos internos durante a vixencia do goberno bipartito (2005-2009), foron aparecendo, poteriormente, diverxencias sobre a propia experiencia gobernamental vivida e sobre o significado das mobilizacións xuvenís acontecidas arredor do 15-M do 2011. E o que resultou, seguramente, mais determinante: modificouse a práctica anterior na toma de decisións entre os distintos sectores da organización e, xa que logo, ficou moi deteriorada a confianza necesaria para alimentar o funcionamento unitario.
 
A partir do remate do goberno de coalición -Abril de 2009- foi adquirindo relevancia un debate sobre a política que o BNG debería acometer para ser quen de mellorar a súa conexión con sectores amplos da sociedade galega. A corrente denominada “Mais Galiza” defendeu a necesidade dunha apertura ao tecido social como a liña de traballo básica que permitise dar un salto cualitativo na influenza electoral da fronte nacionalista. Daquela, o sector maioritario da organización non considerou apropiada semellante estratexia. Poren, na actualidade, o grupo dirixente que encabeza Ana Pontón utiliza unha lóxica discursiva moi semellante para proxectar ao BNG como forza determinante dun futuro goberno alternativo ao que preside Feijóo. Estamos asistindo a un fenómeno que xa se ten producido noutros momentos históricos e noutras formacións políticas. Un dos casos mais chamativos foi o sucedido con Fernando Claudín e Jorge Semprún, membros destacados do PCE durante os anos 60 do século pasado. Por defender unhas posicións políticas diverxentes das que abandeiraba Santiago Carrillo, foron afastados do núcleo decisorio do partido. Sen embargo, posteriormente, a dirección carrillista asumiu as teses  de Claudín e Semprún que motivaran a súa descualificación orgánica.
 
Dez anos despois de Amio, a dirección do BNG postula algunhas das ideas fulcrais que defendían sectores que ficaron en minoría naquela cita asemblearia. No transcurso deste período de tempo, a sociedade galega ten experimentado algúns cambios nos seus comportamentos mentres que a organización nacionalista perdeu o nivel de pluralidade interna que posuía naquel momento. A experiencia destas décadas demostra que non sempre hai unha correspondencia automática entre as características do corpus organizado do nacionalismo galego e os seus resultados electorais. Nos comicios galegos de 1997 e de 2020 o BNG acadou case o 25% do voto emitido a pesar de que a composición interna variou substancialmente. A importancia doutros factores explicativos -singularmente, a situación que presentaban outros competidores electorais- resulta indiscutíbel. Mais tamén é certo que a diminución de pluralismo no universo nacionalista organizado é un déficit que pode ter consecuencias no medio prazo, dificultando a conexión con novos sectores sociais e cortocircuitando as potencialidades electorais que hoxe semellan tan prometedoras.
 

Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e Francisco Rodríguez, líder da UPG, cando os dous compartían militancia no BNG
Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e Francisco Rodríguez, líder da UPG, cando os dous compartían militancia no BNG | Fonte: Kopa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.