Ofensiva de Feijóo contra Casado... quere ter vía libre para liderar o PP?

Chamou a varios baróns ao longo da fin de semana para sumalos ás súas teses de que Casado ten que dimitir. Ten importantes apoios, incluído o da propia Ayuso, coa que tamén falou do seu futuro no PP.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, está decidido a ser un dos protagonistas da crise máis grave do Partido Popular. Un protagonismo que vai máis alá de meras declaracións de intencións xa que Feijóo decidiuse a dar un paso adiante para liderar un PP á deriva.

O líder do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; e o presidente do PP, Pablo Casado, durante a presentación de candidaturas do Partido Popular en Galicia
O líder do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; e o presidente do PP, Pablo Casado, durante a presentación de candidaturas do Partido Popular en Galicia | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

Tras o enfrontamento directo aberto entre o presidente do seu partido e a presidenta de Madrid, Feijóo decidiu presionar a Casado obviando o suposto caso de corrupción do irmá de Ayuso. A súas primeiras declaracións foron para criticar a "gravidade" dunhas supostas espionaxes á presidenta madrileña.

Pero tras agravarse a crise esta fin de semana, Feijóo decidiu ser máis contundente e liderar unha fronte contra Casado. Unha fronte na que se aliou con todos os grandes baróns do seu partido, incluída a propia Ayuso. Por iso, ao longo da fin de semana, cruzou chamadas con varios deles, Juanma Moreno (Andalucía) e Alfonso Fernández Mañueco (Castela e León), ademais de Ayuso. Todos coincidiron en pedir a dimisión de Casado.

DIRECTO CONTRA CASADO

Tras estes apoios, Feijóo foi contundente este luns e pediu decisións "drásticas" e "contundentes" por parte de Casado para rematar coa crise. Ademais, advertiulle que, tendo en conta que a crise non se pechou, debe "resolvela" asumindo unha "última responsabilidade" e tomando unha "última decisión". Fan falta "decisións urxentes", insistiu, para concluír que "non serán fáciles", pero resultan "imprescindibles".

Pouco despois, Ayuso seguía o guión de Feijóo e reclamaba tamén decisións "contundentes para que o PP non se desangre" . Unha clara alusión a que ten que convocar un congreso extraordinario e deixar a dirección do PP. De feito, fontes do PP consultadas por GC aseguran que Feijóo foi moi seco e directo con Casado cando falou con el na fin de semana. "Tes que dimitir", díxolle.

A ofensiva de Feijóo é de tal calado que tamén mobilizou aos seus, como o presidente de Novas Xeracións (NN.XX.) e deputado no Parlamento Galego, Adrián Pardo, que está entre os militantes e cadros ligados á formación popular que están a mover en redes sociais un manifesto que, entre outras cuestións, urxen designar unha dirección provisional que se faga cargo das cuestións ordinarias do partido até a celebración dun congreso.

Detrás desta decisión pode estar a intención de Feijóo de aproveitar esta situación para facer o que non fixo en 2018, presentarse á Portavocía Xeral para liderar o Partido Popular, algo que as fontes populares consultadas descartan polo momento. Con todo, a propia Ayuso aclaraba hoxe que o seu sitio é "Madrid" e descartaba presentarse a liderar o partido.

APOIOS

Feijóo contaría co apoio dos presidentes rexionais que non gobernan como Teresa Mallada (Asturias), Alejandro Fernández (Cataluña), Paco Núñez (Castela-A Mancha), José Antonio Monago (Estremadura) ou María José Sáenz de Buruaga (Cantabria), que deixou claro o seu apoio a Feijóo en declaracións aos medios en Cantabria. Tamén contaría co apoio de dirixentes do núcleo duro de Casado como Elvira Rodríguez, Ana Pastor, Andrea Levy, Cuca Gamarra, Belén Hoyo, Dolors Montserrat ou Jaime de Olano.

Con todo, Casado continúa tendo o apoio de numerosos cargos do seu Comité de Dirección.De feito, o seu entorno asegura que conta co apio de máis da metade das provincias. Algúns deles mesmo o convidan a "resistir", manter o congreso no verán e a "medir as forzas con quen se presente entón".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta