Persoas que se excitan vendo un corte de pelo e outros fetiches... particulares

A web JoyClub expón cinco das prácticas sexuais máis rechamantes do mundo fetichista. Aquí hai de todo: dende bonecos de peluche até cuartos de baño dun avión. Imos alá...

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Sobre gustos non hai nada escrito, aínda que en certos casos merecerían toda unha enciclopedia de particularidades sorprendentes. Tal é o caso dos fetiches sexuais máis descoñecidos e extravagantes, que seguramente se conten por centos pero dos que se poden destacar cinco, de acordo coa web JoyClub, que achega os seguintes exemplos curiosos.

Corte de pelo, barbería, salón de peiteado
Corte de pelo, barbería, salón de peiteado | Fonte: Pixabay: kaleido-dp

E é que a estimulación do eros vai moito máis alá do contacto directo coas zonas delicadas: en ocasións non se precisa contacto sequera. Tal pode ser o caso da tricofilia, que malia soar a enfermidade grave se corresponde coa atracción sexual polo pelo... pero moito máis alá do considerado común ou normal. Din dende JoyClub: "estas persoas alcanzan unha intensa excitación cando acariñan o pelo doutras persoas. Pero non todos son iguais, xa que quen presenta este tipo de fetiche non segue un patrón concreto, depende da cor, o corte de pelo ou ata o peiteado". E engaden, para máis detalle: "aínda que a  tricofilia se satisfai co contacto físico co cabelo, tamén se pode alcanzar ao clímax vendo cortar o pelo".

Por outro lado, os acensores serán o espazo sexual preferido dos claustrofílicos, que gozan das zonas pechadas e con escasa mobilidade. Como en todas as películas de Hollywood que amosan sexo no baño do avión, pero levando a historia un paso máis alá. Tamén é cuestión meritoria de estudo a autoandrofilia. Cedemos de novo a palabra á web referida: "vestirse con lenzaría sexy ou sensuais disfraces adoita ser unha das fantasías máis desexadas e recreadas na intimidade do dormitorio. No caso da  autoandrofilia, é a muller a que sente pracer ao vestirse e actuar como home durante os preliminares e o acto sexual. Ademais, esta práctica tamén implica o rol de dominación, moi á orde do día". Todo queda dito.

No cuarto lugar, pero aínda merecente de medalla, está a estigmatofilia. "Se non tes unha tatuaxe ou piercing, é moi probable que alguén da túa contorna leve un. Pero ata que punto chega este estilo de vida? Hai persoas que o levan ao extremo e só son capaces de excitarse con outros individuos que teñan este tipo de marcas no seu corpo", explican desde JOYclub. Un fetiche patrocinado polo teu tatuador local de confianza.

Por último, e sen dúbida entre os máis chocantes, está a ursusagalamatofilia, de nome impronunciable pero definición moi clara, aínda que esta sexa tamén difícil de poñer en voz alta en certos contextos. Di así: "aínda que poida resultar estraño, a excitación sexual polos xoguetes de peluche ou por persoas disfrazadas con traxe de animal, como osos, tigres, cans ou gatos, é uno fetiche moito máis frecuente do que a xente podería chegar a imaxinar".

Dende JoyClub finalizan esta académica exposición cunha defensa da apertura de miras no tocante á sexualidade: “Aínda que cada vez estamos máis abertos cara a temas de sexo, o mundo do fetiche segue rodeado de tabús. O medo ao rexeitamento ou á reacción doutra persoa é algo que pode xogar na nosa contra, pero é importante lembrar que, no sexo, a comunicación é fundamental". Queda dito: o importante é pasalo ben e non mancarse no proceso. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta