Ollando nun espello roto

Descoñezo si os dirixentes da esquerda portuguesa coñecen moito da historia de España, seguramente tan pouco como case todos nos da historia portuguesa. Si algo lle tiveran ensinado poderían terse lembrado, cando, a finais de 2021, forzaron a caída do goberno de Antonio Costas, a frase do galego Casto Méndez Núñez, comandante en xefe da flota española durante a Primeira Guerra do Pacifico, ala por 1865: “Mais vale honra sen barcos que barcos sen honra”. No canto de “barcos” poñemos deputados, e a cousa non pode ser mais gráfica!.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 28/02/2022

Comparte esta noticia

Non sei canta honra quedará no imaxinario do Bloco de Esquerdas ou do Partido Comunista Portugués, o que é barcos/deputados ben poucos.

Miremos un pouco atrás e poñamos algún datos.

Despois das políticas de austeridade desenvoltas  polo Partido Socialdemócrata Portugués (xa todo o mundo sabe que de socialdemácrata ten só o nome e que é homologable á versión dura do PP) e os seus aliados do conservador CDS-PP, a dereita portuguesa perdeu,  en  2015 a cómoda maioría que ostentaba. A pesares de formar inicialmente goberno este caeu en menos dun mes, ao conseguir a esquerda (Partido Socialista, CDU e Bloco) vencer os intensos odios que definen históricamente as súas relacións. Os receos foron vencidos polo realismo,  pola necesidade imperiosa de políticas progresistas, aínda que foran da gama que pode apoiar a socialdemocracia morna do PS. En 2015 a suma da esquerda superaba sobradamente a maioría absoluta, 122 asembleístas, cun respaldo popular do 50,75% dos votos.

As eleccións de 2019 reforzan de forma extraordinaria ao PS que salta de 86 a 108 deputados, deixan como estaba ao Bloco, con 19 deputados, e socava a representación da coalición comunista, que perde 5 deputados dos 17 que acadara en 2015. Os resultados son pésimos para a bancada comunista, semellantes aos peores da súa historia, acontecido vinte anos antes. En conxunto os tres partidos da esquerda, e Livre, unha pequena formación escisión do Bloco, suman 140 asentos na Asemblea da República, unha contundente maioría fundamentada no 53,19% dos votos.

Unha lexislatura que se presupoñía cómoda estoupa abruptamente a finais de 2021, cando Bloco e CDU negan o apoio ao orzamento presentando polo PS, por discrepancias en temas como: o Sistema Nacional de Saúde, incremento do salario mínimo, mudanza no marco de relacións laborais… Como era de agardar uns e outros bótanse a culpa: uns etiquetando as propostas da bancada da esquerda como inviables economicamente, e prexudiciais para a senda de crecemento logo da crise do COVID19 e os outros cuestionando a cativeza das políticas sociais, a falta de vontade negociadora ou a existencia de intereses expíreos, ente os que forzar un adiantamento electoral, para aproveitar a boa imaxe do primeiro ministro, non era a cousa  menor.

Non saberei nunca como discorreron os debates que se deron nas sedes dos partidos implicados, que presupoño duros,  a cuestión o merecía,  pero a xornada electoral do 30 de xaneiro deixou unha maioría absoluta para o Partido Socialista, que se situou nos 117 deputados, cun 41,68% dos votos, e un tremendo golpe electoral para o Bloco e o Partido Comunista. O Bloco perde 14 dos seus 19 deputados e a metade dos votos, queda nun exiguo 4,46%. O PCP perde o 28% dos votos, e a metade dos seus 12 deputados, apenas o 4,39%. A esquerda, conxuntamente, suma 129 deputados e o 51,53% dos apoios populares.

O grande beneficiado é o PS, e xunto a el dúas forzas: Chega, extrema dereita homologable a Vox, que case quintuplica os votos recibidos, e con 12 deputados, tiña un, e o 7,15% dos votos sitúase como terceira forza na Asemblea e a outra Iniciativa Liberal (con semellanzas co Cidadáns mais neoliberal), que triplica os seus votos, sentará na Asemblea 8 deputados, apaña o 4,98% dos votos, converténdose na cuarta forza política parlamentaria.

En que pensarán estes días Jerónimo Sousa, o líder do PCP e Catarina Martíns, a coordinadora do Bloco?.

Rescato unhas frases sacadas do libro “Populismos”, de Fernando Vallespín e Máriam M. Bascuñán, publicado en 2017 e que pode ser ilustrativa: “A noite da vitoria electoral de Trump, o propio Krugman afirmou: “Realmente, a xente coma min, e probablemente a maioría dos lectores de The New York Times, non temos entendido nada do país no que vivimos”. Algo disto parece que é aplicable á esquerda portuguesa, igual que é aplicable á esquerda española que representa Podemos, ou sería aplicable a moitas das candidaturas municipalistas que foron incapaces de consolidarse.

A esquerda portuguesa pagou o erro de crer que as súas análises eran compartidas polo corpo electoral que en 2019 lle dera un considerable apoio. As vangardas políticas corren tanto que a xente non as da seguido, e si a xente quere dicirlle algo, non a escoitan. Non é cousa nova. Creo que unha boa parte daqueles que deran o apoio ao Bloco ou ao PCP querían que se mantivera unha situación de estabilidade na que se puidera crear o marco preciso para que o país saíra fortalecido da crise producida pola pandemia. Unha grande parte dos seus votantes non querían xogar ás eleccións e poñer en risco políticas progresistas que, con todas as súas eivas, eran infinitamente mellores que o que se podía agardar dunha hipotética volta da dereita ao goberno. Xogaron a “todo ou nada” e quedaron en nada, porque nisto dos pactos na esquerda, formais ou informais,  salvo que medie algún tipo de situación extraordinaria, quen rompe sempre perde.

Portugal e España non son espazos políticos homologables, á dicotomía dereita/esquerda que nos é común, España suma a compoñente territorial que é un segundo eixe de conflito de máxima importancia, tal e como se apreciou no debate sobre a reforma da reforma laboral, pero con todo non deberíamos perder de vista o acontecido hai apenas dúas semanas no país veciño. A esquerda non pode ser esquerda si non entende o que o pobo quere, se non o escoita e  non se esforza en explicar o que fai e porque o fai. A esquerda ten que saír da burbulla na que parece vivir non poucas veces. O que escribo sona obvio, de senso común, pero xa sabemos que o senso común é o menos común dos sensos.  O outro día leia unha reportaxe sobre unha marca de roupa para xente nova,  unha empresa aínda pequena pero en expansión, que no canto de producir nalgunha cidade chinesa ou india produce en Mataró, Granada, Elche e Igualada. O seu  director xeral afirmaba “O segredo do noso éxito ente un público mozo é escoitalos atentamente”. Non serei eu o que diga que facer política é o mesmo que vender sudadeiras ou camisolas, pero de todos e de todo se pode aprender.

Hai apenas uns anos acusábamos ás elites políticas de non escoitar, de actuar de costas aos intereses da maioría da cidadanía... que non caia  a esquerda no mesmo erro. É mais doado do que pensamos. E si xa se ten caído fagamos os posible para recuperar o pulso da cidadanía.

Bandeira de Portugal
Bandeira de Portugal | Fonte: jornaldominho.pt

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.