Os empresarios galegos piden unha reforma fiscal que lles baixe os impostos

A CEG "non comparte" como solución as modificacións impositivas que acompañaron os Orzamentos Xerais do Estado.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/02/2022 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) expón basear a mellora da recadación tributaria no incremento das bases impoñibles e na loita contra a fraude fiscal para conseguir establecer un novo sistema tributario español que resulte "eficiente, neutral e competitivo". Piden, en resumo unha reforma que "impulse" a actividade empresarial e baixe impostos.

O presidente da CEOE, Antonio Garamendi (e), e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites (d) nunha rolda de prensa en febreiro de 2021
O presidente da CEOE, Antonio Garamendi (e), e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites (d) nunha rolda de prensa en febreiro de 2021 | Fonte: César Arxina - Europa Press - Arquivo.

O "esforzo" que nos últimos meses fixeron as distintas administracións a fin de minorar os efectos da crise provocada pola pandemia foi "ímprobo, orixinando como consecuencia un importante incremento da débeda pública", explican.

Así, engaden que, "aínda sendo conscientes da necesidade de reverter esa situación", a CEG "non comparte" como solución as modificacións impositivas que acompañaron os Orzamentos Xerais do Estado para 2021, nin tampouco os de 2022, e que implican "unha suba considerable" da presión fiscal que se exercerá sobre os contribuíntes en xeral e "especialmente, sobre as empresas", que asumirán tres de cada catro euros recadados en base ás modificacións.

Por iso, considera "moito máis efectivo" reducir a presión fiscal, tal e como fixeron países da contorna, facilitando desta forma a rexeneración da actividade económica e preservando a capacidade de recuperación e investimento das empresas, tendo en conta que neste momento aínda estamos lonxe de recuperar os indicadores anteriores á pandemia.

Así as cousas, a reforma fiscal pola que aposta a CEG "debe articular un modelo que implique baixadas nos impostos sobre a renda, incentivos para atraer investimento e talento ou a armonización á alza de determinados impostos como o de Patrimonio".

Os empresarios sinalan que se precisa gañar competitividade, e apuntan que España está nun 12,8 por cento por enriba da media da UE.

En canto a Galicia, sinalan que debe "optimizar" as posibilidades que o marco estatal ofreza para minorar a presión fiscal sobre o tecido empresarial; contar cun marco fiscal "claro e transparente" que ofreza ás empresas seguridade xurídica e evitar situacións que poñan en risco a viabilidade e mesmo a supervivencia das empresas establecidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta