Que pasa para que sexa tan difícil o convenio laboral da conserva?

Traballadores e traballadoras da conserva están pendentes da sinatura dun convenio laboral que, polo de agora, ten na CIG e UGT os seus defensores e en CCOO unha fronte crítica co documento. As diferenzas están nunha cuarta quenda de traballo, horarios de conciliación e contratacións de novo persoal e se será posible acabar coas diferenzas salariais entre homes e mulleres dentro do sector.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 26/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 17 de febreiro reuníanse en Madrid a patronal da conserva e os sindicatos do sector. Sobre a mesa estaba o documento denominado “preacordo” de convenio laboral. Con anterioridade, o día 2 de febreiro os sindicatos rexeitaran un primeiro preacordo que consideraron lesivo para os intereses de traballadores e traballadoras. As protestas volveron á rúa e a patronal cedeu a unha segunda reunión, a do 17. O preacordo de convenio disposto para ser asinado polas tres forzas sindicais CIG, CCOO e UGT e a patronal foi rexeitado por Comisións. Desde esta forza sindical aducían que era o  mesmo documento rexeitado o día 2. Así, o 19 de febreiro novas protestas en Boiro convocadas por CCOO acusaban o preacordo de “caciquil” e que ademais, non resolve a fenda salarial entre mulleres e homes ou os baixos salarios en xeral, os menores de toda a industria agroalimentaria segundo o sindicato.

Protesta en Boiro contra o convenio do sector da conserva do peixe
Protesta en Boiro contra o convenio do sector da conserva do peixe | Fonte: CC.OO.

A CUARTA QUENDA

Un dos puntos de fricción é crear ou non a cuarta quenda. A CIG apunta que esta nova quenda na industria da conserva implicaría “contratacións de novo persoal feitas pola empresa, non por ETT ou subcontrata” di Rosa Abuín, quen ve nesta acción “unha maneira de acabar co chanchullo das horas extras, pois a empresa decidía a quen llas daba”. Doutra banda, alégase o problema de conciliación familiar para moitos e moitas traballadoras.

“A cuarta quenda, sábados, domingos e festivos, permitiría unha mellor conciliación”, onde máis do 80% do persoal é feminino. Outra das vantaxes apuntadas pola CIG é que se contrataría novo persoal, as baixas de empregados que traballen de luns a venres serían cubertas preferentemente por persoal da cuarta quenda e, por último, “garántese a creación de máis emprego”.

“Nós expuxemos que a xente non quería unha cuarta quenda e menos baixo as condicións da patronal” di Enrique Reino de CCOO. Nalgunhas empresas as horas extraordinarias eran un tema negociado entre dirección e comité de empresa e posto por escrito nunha acta. CCOO ve no preacordo de convenio “como as empresas deciden eliminar as horas extra automaticamente, cobrando por un sábado 72€ máis cando antes recibías 100€ e por un domingo pasas de 200€ a 102€”. Estas cantidades aplicaríanse sobre o salario medio. Reino insiste en que “din que nos asinaramos a favor de cuartas quendas, iso non é certo”, pois segundo o preacordo as horas extraordinarias “serían informadas pola empresa ao comité e non negociadas con el”.

Manifestación en Vigo dos traballadores do sector da conserva.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Manifestación en Vigo dos traballadores do sector da conserva.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS

Sumado ao anterior, Comisións denuncia que tanto sábados, domingos e festivos pasarían a ter un carácter ordinario segundo o preacordo. Arredor das novas contratacións para o sector e cubrir fins de semana, Enrique Reino ve con preocupación a chegada de persoal “que poden ser estudantes para sacar diñeiro, xente que quere conciliar, mais a maioría serían persoas con nula experiencia na conserva”.

Desde a UGT, Javier Carreiro sinala que, de asinarse definitivamente o convenio, “agora, coa nova reforma laboral, prevalecerá o convenio xeral de sector sobre o de empresa”. Isto último evitará “as barbaridades con convenios onde figuraban salarios por debaixo do marcado para o sector”. Carreiro remarca que a propia reforma de 2012, esporeada pola patronal, acabou sendo contraproducente para o empresariado “porque chegou un momento onde entre eles mesmos había competencia desleal e caeron na conta de que era unha aberración”.

FENDA SALARIAL

As diferenzas salariais entre homes e mulleres no sector da conserva non son as únicas, mais é un dos cabalos de batalla dentro das negociacións para o convenio laboral.  “A fenda salarial non chega ao 25% mais isto non se elimina cun convenio, senón mediante plans de igualdade e as empresas asinaron plans de igualdade impresentables” di Rosa Abuín. Non obstante, a fenda salarial será un tema que se trate nunha comisión creada despois de asinar o convenio.

Abuín deixa en claro que o documento actual, o preacordo do día 17,  “é o primeiro preacordo onde se consegue meter unha cláusula do 0.3% anual no salario para un grupo feminizado”. Unha vez asinado o convenio ao final do mesmo, 31 de decembro de 2024, o grupo feminizado dentro da conserva terá un incremento do 1,2% máis que o grupo masculinizado.

Enrique Reino considera que o incremento anual do 0,3% “para ter equiparación en catro anos, se fan cálculos dá o 1,2% en catro anos, mais será unha suba lineal onde quen cobraba menos cobrará máis, aínda que tamén cobrarán máis quen tiñan salarios altos”. Para Reino isto non elimina a diferenza salarial.

A maioría das mulleres están no chamado grupo 5, ou de fabricación, mentres que no grupo 6 estarían aquelas persoas de mantemento e outros labores. Isto fixo que outro obxectivo marcado no preacordo é o traspaso do 40% do cadro de persoal fixo e fixo discontinuo ao grupo 6. A intención é a de rematar coa categoría de auxiliar e trasvasar ás categorías de oficial de primeira e segunda.

Por outra parte e como sinala Javier Carreiro, os e as traballadoras cobrarán un 6,5% de atrasos segundo o IPC real do ano 2021. A partir do 1 de xaneiro a porcentaxe será do 8,10% “e isto con carácter de garantía”. É dicir, os incrementos salariais que non se aplicaron segundo o IPC de 2021 e comezos de 2022 terán que ser pagados con carácter retroactivo. Aínda así, Enrique Reino considera que “todos os convenios laborais tiraron para arriba menos nós, porque con 1.000€ a fin de mes brutos, netos poden quedarche 970€ e con iso non se vive hoxe por hoxe”.

A sinatura de CCOO parece ser o último paso para a aprobación do convenio para o sector da conserva en todo o Estado. Segundo as fontes sindicais consultadas, Galicia supón 15.000 postos de traballo dos 30.000 que hai en toda España.

Manifestación en Vigo dos traballadores do sector da conserva.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Manifestación en Vigo dos traballadores do sector da conserva.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pode ser que o diaño estea nos "detalles" pero non se comprende como as organizacións sindicais non sexan quen de chegar a acordos entre elas para negociar xuntas ante unha patronal que precisa man de obra... (?) https://youtu.be/VYCc-9C7uq0 De como a falta de Unidade Sindical nos levará polo camiño da Exclusión Social (dende 2017)