Por X.M. Fernández | Vilagarcía de Arousa | 27/02/2022 | Actualizada ás 10:00
Tanxugueiras, grupo de moda na actualidade, volve ao Revenidas despois do 2021. Nesta ocasión presentarase xa co seu novo disco na rúa e cun show totalmente diferente ao que se puido ver o pasado ano, centrado xa na súa proposta de mestura de música tradicional con sons electrónicos e urbanos.
Outro tanto acontece con La Pegatina, que tamén teñen pasado noutras ocasións polo escenario do Revenidas. Nesta primavera publicarán novo disco, o décimo na súa traxectoria, con importantes colaboracións internacionais. A xira dos cataláns promete ser unha das máis intensas e festivas deste ano.
OUTROS GRUPOS PARA O CARTEL
Tamén se suman ao cartel do Revenidas 2022 Laura Lamontagne & Picoamperio, quen tamén estiveron na pasada edición. Pero ao igual que os grupos anteriores tamén o dúo galego chega con novidades moi importantes. Entre elas, a publicación dun novo disco, que xa se avanza como un dos grandes lanzamentos da música galega deste ano.
Outros vellos coñecidos do festival, os italiano Talco, tamén se incorporan a oferta musical do Revenidas. Se na pasada edición se presentaron como Talco Maskerade, o proxecto que crearon a raíz do confinamento, o seu álter ego máis íntimo, no que experimentaban en acústico coa súa vertente máis folk, nesta ocasión volven na súa versión orixinal, con toda a electricidade, enerxía e compromiso da súa proposta de ska e punk combativo.
Dende Rusia chegan Moscow Death Brigade, creadores dun son propio coñecido como “Circle Pit Hip- Hop”: unha mestura única e agresiva de música electrónica, punk hardcore e rap, impregnada de grafiti e cultura de rúa e cunha mensaxe social e solidaria contra a guerra, o racismo e outros tipos de discriminación. O trío moscovita chega a Vilaxoán para presentar o seu último disco “Bad Accent Anthems”.
Neste avance de novas incorporacións do Revenidas tamén hai que incluír á cantautora Suu. En só dous anos converteuse nunha das artistas catalás máis seguidas e escoitadas da actualidade. Tras un trepidante 2020, no que publicou o seu disco “Ventura”, producido polo músico Carlos Sadness, Suu emprende este 2022 con máis forza que nunca, cultivando máis de 250 mil oíntes mensuais en Spotify e acumulando case 130 mil seguidores en Youtube e Instagram.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.