O PPdeG ve a Feijóo un líder "habilitado para asumir calquera responsabilidade" e xa soa Rueda como sustituto na Xunta

"Feijóo é un líder dentro e fóra do partido", di o secretario xeral, Miguel Tellado.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/02/2022 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

"Feijóo é un líder dentro e fóra do partido". A proclama lanzouna o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, quen sen confirmar a "decisión personalísima" de se concorrerá ao congreso extraordinario de abril porque "non lle corresponde" facelo, centrou a súa intervención en reivindicar os logros da formación galega baixo o mandato de Alberto Núñez Feijóo, un "líder" cuxa xestión e traxectoria "habilítanlle para asumir calquera responsabilidade".

Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo. XUNTA
Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo. XUNTA

En consonancia co control dos tempos que quere o presidente galego e a pesar de que no partido se dá por feito que dará o paso, Tellado evitou calquera confirmación explícita, pero o propio formato da rolda de prensa, centrada na situación orgánica do PP, contrasta coas "cuestións de actualidade" que habitualmente adoitan centrar as súas comparecencias dos venres.

Neste caso, no marco da crise sen precedentes aberta no PP a raíz do enfrontamento entre a dirección estatal de Pablo Casado e a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, o secretario xeral dos populares galegos arrincou a súa intervención como unha petición de "desculpas" polos "erros" dos últimos días, á vez que resaltou a importancia de facer "unha sincera e profunda autocrítica" para saír fortalecidos.

"O noso partido a nivel nacional non estivo á altura", proclamou, antes de subliñar que o PPdeG é "o primeiro partido" de Galicia, e de resaltar que está disposto a implicarse de pleno no reto de "rearmarse" e de preparar "un gran congreso" que escoite á militancia e "unha a todo o partido" ao redor dun novo liderado.

"Estamos preparados", aseverou, en relación a ofrecer un proxecto de país "sensato e sen estridencias" que "free os nacionalismos e populismos" --como "xa se fixo en Galicia", esgrimiu, en alusión a que nin Vox, nin Ciudadanos, nin a denominada esquerda rupturista ten representación no Parlamento galego--, e que "reduza a presión fiscal que devora a economía".

NON HABERÁ CONFIRMACIÓN ATA QUE O CONGRESO SEXA CONVOCADO

E preguntado acerca de se será máis sinxelo para o PPdeG implicarse no novo proxecto do PP se o encabeza Feijóo, recalcou que a formación galega "sempre" se implicou e que calquera afiliado poderá dar o paso unha vez que se abra o prazo para presentar a precandidatura, pero non escatimou en eloxios para Feijóo.

"Ten unha experiencia de xestión importante, unha experiencia política que o habilita para calquera responsabilidade. Feijóo é un líder detnro e fóra do partido", proclamou, tras admitir que en Galicia "hai un afiliado cara ao que moitos españois miran en busca de solucións".

"Ese afiliado, que se chama Alberto Núñez Feijóo, ten que tomar unha decisión e facela pública. Estou seguro que non o fará antes de que ese congreso sexa convocado", engadiu, sen querer "especular" nin falar de "futuribles" no que respecta aos pasos que haberá que dar en Galicia --na Xunta e no PPdeG-- se Feijóo confirma a súa marcha.

SUCESOR?

E é que, a pesar de que ninguén se move publicamente, cargos consultados por Europa Press ven "unha obviedade" que xa se están barallando os posibles escenarios aos que dará pé a sucesión dun dirixente como Feijóo, cuxo mandato á fronte do partido e da Xunta caracterizouse por "un hiperliderazgo" desde 2006 que non deixou espazo para despuntar outros valores do partido.

Manter a Xunta e a presidencia do PP, aínda que compatible, poucos a ven unha opción real, dado "o inxente traballo" que a Feijóo lle agardaría en Madrid se colle o temón en Génova. A oposición xa lle atacou con forza esta semana por "non estar centrado" nas súas tarefas de presidente. E se Feijóo dimite, activaríase o mecanismo para relevar un presidente que fixa o Estatuto.

O requisito imprescindible é que sexa deputado na Cámara autonómica, característica que teñen os dous actuais vicepresidentes da Xunta --o primeiro, Alfonso Rueda, a quen moitos ven como a substitución "lóxica", e tamén o vicepresidente segundo e responsable económico, Francisco Conde--.

Un 'ascenso' de Rueda no Executivo podería propiciar algún cambio nas carteiras ou a entrada dalgún nome que contribuíse a manter as augas acougadas e o equilibrio político entre territorios, aínda que Feijóo nunca foi partidario de cotas. Pero neste escenario, remarcan as fontes consultadas, será preciso actuar "con estratexia" e dar os pasos necesarios "para que nunca chegue o sangue ao río".

Existiría a opción dun adianto electoral e que os galegos elixan un novo mandatario, pero parece descartada. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta