Familiares de tripulantes do 'Villa de Pitanxo' reciben asesoramento para axilizar as prestacións

Miñones ratifica contactos con empresas para baixar ao barco, mentres reitera que se prevén as declaracións de sobreviventes esta semana.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2022 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

Os familiares de vítimas e desaparecidos do 'Villa de Pitanxo' recibiron este luns asesoramento, na Subdelegación do Goberno de Pontevedra, para axilizar os trámites burocráticos en relación ás solicitudes de prestacións.

O delegado do Goberno, José Miñones, trasladoulles ás familias toda a información necesaria para que "desde xa" poidan comezar a realizar os trámites sobre as prestacións ás que teñen dereito. O obxectivo é: "Axilizar a tramitación que se realizará desde os diferentes puntos que temos do Instituto Social da Mariña, non só en Marín, senón en cada unha das poboacións dos desaparecidos".

Segundo trasladou tras a reunión aos medios de comunicación Lucía de Pazo, filla dun dos desaparecidos no naufraxio, o Goberno comprometeuse tamén a "facilitar contacto directo cos responsables de cada área" na que deban solicitar prestacións e mostraron a súa "disposición" a axudarlles en calquera dúbida que teñan respecto da tramitación.

Na reunión deste luns, á que tamén asistiu persoal do Instituto Social da Mariña, da Seguridade Social e do departamento de estranxeiría Policía Nacional, as familias dos falecidos e desaparecidos peruanos tamén pediron asesoramento "sobre todo para axudar a axilizar trámites no seu país natal", indicou o delegado do Goberno. Neste sentido, Miñones comprometeuse a trasladarlle esta petición ao cónsul de Perú.

Ademais, José Miñones tamén explicou que, aínda que a normativa establece 90 días para que os desaparecidos poidan ter certificado de defunción, "axilizouse o proceso e as familias xa poden comezar cos trámites a través da mutua e despois co ISM, que fará o abono correspondente das prestacións".

(I-D) O patrón, Juan Padín; o seu sobriño, Eduardo Rial Padín; e Samuel Kwesi, tripulantes do pesqueiro galego que naufragou en augas canadenses, baixan do pesqueiro español 'Praia Menduiña Dúas' á súa chegada ao Porto de San Xoán de Terranova, a 19 de febre. PAUL DALY - Europa Press
(I-D) O patrón, Juan Padín; o seu sobriño, Eduardo Rial Padín; e Samuel Kwesi, tripulantes do pesqueiro galego que naufragou en augas canadenses, baixan do pesqueiro español 'Praia Menduiña Dúas' á súa chegada ao Porto de San Xoán de Terranova, a 19 de febre. PAUL DALY - Europa Press | Fonte: Europa Press

PROCURA DE EMPRESAS PARA ACCEDER AO BARCO

O delegado do Goberno tamén ratificou que o Executivo central continúa na procura de compañías privadas que dispoñan de medios para poder acceder ao barco. Miñones confirmou que están en contacto con diferentes empresas e barallan diferentes vías de solución están "a trasladarse desde a Mariña Mercante".

Ademais expuxo que lles solicitaron ao Goberno canadense "o mapa meteorolóxico histórico da zona" para coñecer as condicións de "idoneidade" e facer calquera actuación coa "máxima seguridade".

Polo momento, as familias non teñen previsto manter máis reunións coas institucións, mentres agardan a coñecer algo máis da investigación. Neste sentido, José Miñones declarou que se lle trasladará ás familias "todo" o que se vaia "sabendo".

En relación á comisión de investigación, afirmou que xa está pedida toda a información de "localización e posición" e dixo que o "paso seguinte será a toma de declaracións". "Esperemos que sexa esta semana, pero non podemos confirmar a data exacta", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta