Pontón lamenta que PSOE e PP "usen" a invasión rusa para criticar ao BNG e Formoso pide unha condena rotunda

"Se non somos claros ao sinalar a Putin como culpable, a guerra pode chamar á nosa porta", apunta González Formoso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2022 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A invasión rusa en Ucraína puxo o foco no reproche político en Galicia, con críticas do PPdeG e do PSdeG cara á comunicación oficial emitida polo BNG, a cal non consideraron suficientemente contundente. A portavoz nacional do Bloque arrincou este luns a rolda de prensa volvendo mostrar a súa "solidariedade e apoio ao pobo ucraíno, que sofre as consecuencias dunha cruel invasión rusa" e lamentou que os socialistas se "somen" aos argumentos dos populares para censuralos.

En alusión a este comentario, e a preguntas dos medios, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apelou ao comunicado da Executiva Nacional do Bloque para defender as críticas expostas e para advertir de que neste momento "non caben nacionalismos trasnoitados", senón unha condena rotunda aos feitos. Así, preguntado por se lle parecían suficientes as palabras de Pontón ou ve necesario que a dirección da formación nacionalista emita un comunicado, contestou que "en calquera caso, as forzas políticas son representadas polas persoas", sen esquecer por iso o contido do comunicado.

Mentres, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, mostrou de novo a súa "plena solidariedade" cos cidadáns de Ucraína nestes momentos "moi difíciles", tamén para os ucraínos que residen en Galicia. Así mesmo, nunha intervención na que tamén lembrou que en momentos anteriores da historia "acabaron certamente mal", mostrou o seu "apoio" a "todo o que se está facendo por parte da UE e o Goberno de España" co fin de axudar a que "esta situación ser reverta canto antes".

Así, Puy esperou que a acción que se faga desde UE co resto de países sirva para que se "restitúa a legalidade internacional", para "pór fin a esta absurda situación, inxustificada nos momentos en que vivimos".

Na súa intervención, Pontón, que manifestou que o BNG "condena con total rotundidade a cruel invasión de Rusia", urxiu pór "toda a presión" diplomática, a través da ONU e a OSCE, o "diálogo e a diplomacia", ante o "custo dramático e con miles de persoas desprazadas".

Ademais, a líder nacionalista reclamou que a Xunta "ofreza a Galicia como lugar de acollida de persoas refuxiadas", que "é o mínimo que podemos facer é un xesto de solidariedade, na que todos os galegos nos sentiríamos representados". Ante o "cruento ataque ruso", hai que "reforzar canto antes a vía diplomática": "A paz é o que nos debe mover a todos".

CRÍTICAS

En canto ás críticas recibidas, Pontón remarcou que "sempre foi moi clara nas declaracións" que fixo. "O que lamento é que PP e PSOE usen o drama da poboación de Ucraína para atacar a outra formación e os feitos defínense por si sós", sentenciou.

"Non valen equidistancias, non se pode falar de neutralidade activa cando estamos a falar dun conflito bélico que está a pór en risco a seguridade de todo o mundo", manifestou, ao ser preguntado por iso, o secretario xeral do PSdeG, quen se referiu a as palabras do propio presidente ucraíno para sinalar que "se non somos claros ao sinalar a Putin nos culpables, a guerra pode chamar á nosa porta", apuntou.

Formoso advertiu de que se trata dun alto "moi serio, onde non valen nacionalismos trasnoitados nin valen equidistancias nin neutralidades activas". "O que vale é a condena enérxica a Putin e Rusia", aseverou, antes de indicar que, sen querer entrar na "vida doutras formacións", o comunicado do BNG non recollía "unha condena enérxica a Rusia nin a Putin por invadir un país".

"Desde o noso punto de vista, non imos andar con ambaxes ou dúbidas. Todas as forzas políticas galegas teñen que condenar a Vladimir Putin", apuntou. Preguntado por se considera suficientes as palabras de Ana Pontón mostradas este mesmo luns ou é preciso que a Executiva envíe outro tipo de comunicado para resolver a situación, Formoso respondeu que "en calquera caso, as forzas políticas son representadas polas persoas" e engadiu que "o comunicado oficial do BNG non especifica a condena a Vladimir Putin".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participa nun acto simbólico de denuncia da exclusión financeira en Galicia, a 7 de febreiro de 2021, na Coruña. M. Dylan - Europa Press
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participa nun acto simbólico de denuncia da exclusión financeira en Galicia, a 7 de febreiro de 2021, na Coruña. M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta