Tes un electrodoméstico vello?... Hai entre 100 e 450 euros de axuda para cambialos

A Xunta destina 2 millóns de euros a axudas para a renovación de electrodomésticos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2022 | Actualizada ás 11:26

Comparte esta noticia

A Xunta abre este mércores o prazo para que as entidades colaboradores se adhiran á convocatoria de axudas destinada á renovación de electrodomésticos nos fogares galegos, para o que a administración autonómica asignou 2 millóns de euros.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes esta convocatoria que, segundo sinalou a Consellería de Economía, Empresa e Innovación nunha nota de prensa, permitirá a 13.000 familias aforrar 540.000 euros ao ano na súa factura eléctrica.

Así, as entidades colaboradoras terán a posibilidade de adherirse a este programa entre o 2 de marzo e o 30 de xuño. No caso dos particulares, poderán solicitar as axudas a partir do 23 de marzo e ata o 30 de setembro.

A Xunta explicou que os apoios do programa Galicia Renova Electrodomésticos están dirixidos "a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte clasificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouzas A, B ou C; ou encimera de indución total".

AXUDAS ENTRE 100 E 450 EUROS

As axudas poderán alcanzar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral e do 50 ou 75% para os consumidores con máis dificultades, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros.

Así mesmo, cada beneficiario só poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos por beneficiario. Con estas axudas, a Xunta ten como obxectivo "non só a redución dos custos enerxéticos e a mellora da calidade de vida ligada ao coidado ambiental, senón tamén contribuír á dinamización comercial", posto que se espera a adhesión de ao redor de 500 establecementos a esta iniciativa.

Arquivo - Lavadora. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Lavadora. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta