Pontón chama a camiñar cara a un "autogoberno pleno" que siga o "exemplo" de Euskadi

O Bloque reclama un Concerto para Galicia que lle permita "camiñar cara á súa soberanía fiscal" tras unha reunión con Urkullu na que alertaron do "proceso de centralización e involución".

Por Europa Press / Redacción | BILBAO | 01/03/2022 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

O lehendakari, Iñigo Urkullu, e a portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, reflexionaron este martes na sede de Lehendakaritza, en Vitoria, sobre "o proceso de centralización" que, ao seu xuízo, está a producirse no Estado, e a dirixente galega realizou un chamamento a "reforzar o nacionalismo en cada unha das nacionalidades históricas". Tamén mirando a Euskadi, Pontón reclamou un concerto que permita a Galicia "camiñar cara á súa soberanía fiscal" e avanzar nun autogoberno "pleno".

Tras a reunión con Urkullu, Pontón, que regalou unha figura de Rosalía feita por Sargadelos, compareceu ante os medios de comunicación para afirmar que o encontro foi "moi frutífero", e nel abordáronse "proxectos e accións de Goberno", así como de situación política do Estado español nestes momentos. A líder do BNG destacou "a importancia" de pór en común proxectos entre Galicia e Euskadi, que son "nacións irmás, sen estado", que teñen a súa lingua e cultura, "e tamén aspiracións dun autogoberno pleno".

Precisamente, esta é unha cuestión na que profundaron o lehendakari e Ana Pontón. Para a dirixente política galega, Euskadi é "un exemplo de como o autogoberno se pode utilizar para crear progreso e máis benestar, e de como é importante defendelo, amplialo e traballar desde a confianza no país, nas súas posibilidades, desde unha visión sempre aberta ao mundo, pero centrado en como mellorar a vida das persoas".

Segundo destacou, Euskadi "utilizou ese autogoberno nesa dirección". "Tamén aí hai un aspecto desde o que hai que traballar. O BNG é unha forza con vocación de poder gobernar Galiza e queremos afianzar un proxecto que non mire cara a Madrid, senón cara a nosas propias posibilidades, e cremos que, efectivamente, hai que facelo desde esa confianza no propio, desde esa autoestima e ese orgullo na túa identidade, do teu país e dos teus proxectos", aseverou.

O CONCERTO PARA GALICIA

Neste sentido, Pontón e o lehendakari falaron da "importancia de ter o control dos teus recursos económicos, ter un Concerto que permita poder recadar e decidir a que os destinas". "Esta é unha cuestión importante para o BNG. Estamos en pleno debate sobre un novo modelo de financiamento en Galiza. Entendemos que debemos camiñar cara a esa soberanía fiscal que nos permita ter o control dos nosos recursos", engadiu.

A portavoz do BNG afirmou que este é "un ámbito de debate que hai que abrir a nivel do Estado español" porque hai un sistema de financiamento que "claramente discrimina" Galicia, e apuntou que pretenden avanzar cara a "unha maior soberanía e unha maior capacidade de decidir". "Queremos que decidamos nós e non Madrid sobre os nosos recursos porque é un elemento básico para poder avanzar na cohesión social, no desenvolvemento económico e no benestar das persoas do noso país", engadiu.

Outro tema que analizou conxuntamente con Iñigo Urkullu foi o das políticas relacionadas coa ciencia e innovación, "que é unha aposta moi potente" do Goberno Vasco. "Ese eixo de aposta pola ciencia, pola innovación, pola relación entre as empresas e as universidades e o Goberno, é un aspecto no que temos que profundar", manifestou.

PROCESO DE CENTRALIZACIÓN

Urkullu e Ana Pontón, dentro do panorama político estatal, consideraron que "claramente se está producindo un proceso de centralización, de involución". "A alternativa ante esa involución é reforzar o nacionalismo en cada unha das nacionalidades históricas", subliñou. Segundo asegurou Pontón, ese é un dos retos que ten por diante o BNG. "Nós cremos que é importante que o nacionalismo poida gobernar Galiza, que o faga desde un proxecto de país propio, de futuro, sen ataduras", concluíu.

Reunión de Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, con Íñigo Urkullu, o lehendakari.. BNG
Reunión de Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, con Íñigo Urkullu, o lehendakari.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta