A oposición pide acabar coa "precariedade" no servizo de loita contra os lumes

Deputados da Comisión de Agricultura comproban os "avances tecnolóxicos" do servizo de extinción.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2022 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

Deputados da Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes da Cámara galega visitaron este mércores o Centro de coordinación central de defensa contra incendios forestais da Xunta, onde comprobaron os "avances tecnolóxicos" do servizo de extinción. En declaracións aos medios tras a visita, o presidente da comisión, o parlamentario popular Daniel Veiga, puxo en valor o traballo desenvolvido polos traballadores da Dirección Xeral de Montes e deste servizo na protección e conservación do monte.

"Os distintos grupos viron o inmenso traballo, o inmenso investimento que hai por parte da Xunta para traballar e defender o noso monte. Só cabe felicitar á Xunta e á Dirección Xeral de Montes", destacou Veiga, que avogou por "seguir traballando nesta liña". O presidente da comisión, que sostivo que "na defensa do monte non hai ideoloxía", explicou que no encontro coñeceron os "grandes avances tecnolóxicos" que existen neste servizo.

Ademais, enmarcou o encontro nas visitas que os integrantes da comisión realizan ás distintas institucións e empresas no obxectivo de abrir a comisión á sociedade para recoller as súas preocupacións.

A OPOSICIÓN PIDE MÁIS MEDIOS E MENOS PRECARIEDADE

Pola súa banda, o deputado do BNG Xosé Luís Rivas 'Mini' vinculou a "cantidade de medios" existente na actualidade ao "segundo gran golpe" dos incendios producido en 2017 pero considerou que aínda "hai tarefas pendentes" no servizo de extinción e prevención como a "precariedade".

"É un tema que hai que profundar nel e, desde logo, temos un país sobreforestado e necesitamos camiñar cara a un monte multinfuncional en todos os sentidos", afirmou, para considerar que se debe camiñar, como se está facendo, cara a "un servizo especializado" pero que debe ir acompañado doutra "serie de medidas en canto ao uso do monte".

Ademais, a parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta, que tamén agradeceu o labor dos traballadores da Dirección Xeral e do servizo de extinción, destacou que as "novas tecnoloxías teñen que apontoar a loita contra o lume" pero que iso debe de "ir acompañado doutras medidas de reforzo do material e do persoal" que o seu grupo leva "anos reclamando" na comisión.

Así, entre outras cuestións, referiuse á necesidade de acabar coa "precariedade" no servizo, unha nova redistribución dos distritos e adecuar os medios que ten a propia Consellería do Medio Rural aos incendios. Por último, considerou que estas visitas lles "permiten ver a loita contra o lume" e "como ten que avanzar".

O PP DESTACA O TRABALLO DA XUNTA

Pola súa banda, o popular José Antonio Armada sostivo que na visita puideron comprobar o esforzo da Xunta con este servizo de extinción e os avances tecnolóxicos postos en marcha para loitar contra o lume. "Hoxe puidemos constatar que a Xunta está a facer un esforzo importantísimo para que as tecnoloxías poidan chegar á extinción dos incendios forestais e que cada vez os vaiamos reducindo máis", destacou. 

Integrantes da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento de Galicia visitan o Centro de Coordinación Central de defensa contra incendios forestais da Xunta. PARLAMENTO DE GALICIA
Integrantes da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento de Galicia visitan o Centro de Coordinación Central de defensa contra incendios forestais da Xunta. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta