Os comités de empresa de Navantia Ferrol e Fene esixen maior carga de traballo

Os traballadores solicitan a construción dun dique cuberto para poder facer en futuro buques "en prezo e en prazo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2022 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

Representantes sindicais de Navantia Ferrol e Fene solicitaron este mércores investimentos e maior carga de traballo ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. O presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Emilio García Juanatey, recalcou que "o máis importante" é o dique cuberto porque é o que lles vai permitir no futuro facer buques "en prezo e en prazo".

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, mantivo unha reunión na mañá deste xoves cos representantes sindicais dos estaleiros. Durante o encontro abordaron as necesidades de futuro para potenciar a súa actividade industrial e garantir o emprego nas instalacións de Ferrolterra. Tras o encontro, Juanatey explicou que as instalacións están "moi obsoletas" e o que necesitan "fundamentalmente" é un investimento, que non se fixo nos "últimos 50 anos", para poder ser "máis competitivos" nos mercados internacionais.

Miñones trasladou o compromiso do Goberno central con Navantia Fene, con "investimentos históricos" previstas nos Orzamentos Xerais do Estado. Na reunión coincidiron na necesidade de construción do dique cuberto que demandan os traballadores, unha solicitude que Miñones se comprometeu a trasladar aos responsables do goberno e de Navantia.

Así como a construción dun taller de subbloques que está previsto construír nunha parcela anexa, cun investimento de 100 millóns de euros, incluída nos orzamentos estatais deste ano.

PIDEN "ACELERAR" O PROCESO

O presidente o comité esixiu ao delegado que transmita as súas peticións ao goberno central porque hai que empezar a "poñerse as pilas" e "acelerar" o proceso que xa "chega tarde". Repecto á carga de traballo, este mes van comezar coa construción da Fragata F-110. Juanatey insistiu en que necesitan "máis investimentos" e explicou que tradicionalmente viñan facendo un buque por ano, "non cinco buques en dez ou doce anos" que é o que teñen comprometido a día de hoxe.

Juanatey asegurou que coa actual carga de traballo, non van alcanzar o nivel de emprego que tiñan hai 10 anos. "É importante" manter o emprego na comarca, segundo o representante sindical, xa que a provincia "depende fundamentalmente" de Navantia. Tras a reunión, José Miñones manifestou a través dun comunicado que a implicación do goberno central coas instalacións e proxectos de futuro para Navantia en Fene e Ferrol é "absoluta".

Juanatey pola súa banda, denunciou que van avanzado a nivel "moi, moi lento" e non hai "ningún compromiso a facer isto nun prazo". O presidente do comité avanzou que "probablemente" teñan que volver reunirse "dentro dun par de meses" e esperan que nesa ocasión empecen a darlles "boas noticias".

"TREMENDAMENTE PENOSO E DOLOROSO"

O representante da CIG, Manuel Grandal, manifestou a súa "frustración" á saída da reunión. Explicou que a situación en Ferrolterra é "absolutamente recortada" e cualificou como "tremendamente penoso e doloroso" que o representante do goberno en Galicia continúe dicindo que "vai transmitir" o que está a suceder. "Vimos unha vez máis e non temos nin unha resposta de cal é o plan", explicou o sindicalista, quen cualificou a situación de "denigrante" e afirmou que se a situación non cambia, seguirán mobilizándose por unha cidade que está "a morrer".

O delegado do Goberno, no comunidado, destacou a realización dun "investimento histórico" para Ferrolterra que supón a inminente construción das fragatas F-110, con 4.300 millóns de euros que xerarán 7.000 empregos directos e indirectos ao longo da próxima década, o que se traduce en 20 millóns de horas de traballo.

Traballadores de Navantia Ferrol e Fene solicitan investimentos e maior carga de traballo ao delegado do Goberno, este mércores
Traballadores de Navantia Ferrol e Fene solicitan investimentos e maior carga de traballo ao delegado do Goberno, este mércores | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta