O BNG usa a letra de 'SloMo' de Chanel para exemplificar a "cousificación das mulleres"

Así é a campaña da formación nacionalista co gallo do Día Internacional da Muller o próximo 8 de Marzo, que levantou certa polémica nas redes sociais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2022 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

BNG vén de presentar a súa campaña con motivo do Día da Muller, o 8 de marzo, que este ano se centra na denuncia da cousificación e a sexualización das mulleres. A formación nacionalista decidiu exemplificar estas discriminacións coa letra de 'SloMo', canción seleccionada para representar a España en Eurovisión e cuxa mensaxe "incide en dar unha imaxe estereotipada das mulleres".

Campaña do BNG polo 8M 2022
Campaña do BNG polo 8M 2022 | Fonte: BNG

A portavoz nacional da formación, acompañada das nacionalistas Noa Presas e Mercedes Queixas, foi a encargada de presentar unha campaña que, partindo dalgúns versos da canción eurovisiva, "pretende denunciar que segue existindo unha cousificación e sexualización dos corpos das mulleres". Pontón destacou que é "especialmente grave" que un medio público "se sume a normalizar esa concepción e esa imaxe" a través dunha letra que a campaña do BNG "convida a reescribir".

"Mellor dicir que as mulleres facemos sentir o 'bun bun' dos nosos tambores, que estamos 'ready' (listas) para cambiar a realidade das cousas e que somos as que máis problemas monetarios padecemos, nunha brecha salarial que, lonxe de diminuír, se incrementou durante a pandemia", explicou. O BNG instou a "desenmascarar" o machismo "utilizando as ferramentas do feminismo". "Porque as mulleres non somos cousas, non somos obxectos, nin queremos seguir sendo discriminadas con máis pobreza, máis paro, salarios máis baixos ou máis violencias", defenderon.

"Fronte a todas estas formas de discriminación", piden utilizar "a forza do feminismo e das mulleres" para seguir avanzando, porque "aínda queda moito por facer e por conseguir" para superar "os teitos de cristal e os chans pegañentos".

POLÉMICA ACOLLIDA DA CAMPAÑA NAS REDES 

Con todo, nas redes sociais a campaña non foi ben recibida por todo o mundo, polo menos polo de agora. Dende o seu lanzamento, numerosas persoas solicitaron unha rectificación por parte do BNG ao considerar que alimenta o ataque dunhas mulleres contra outras.

SAÍR Á RÚA O 8M

Máis alá disto, durante a presentación da campaña, Ana Pontón tamén quixo poñer o foco na violencia de xénero, "esa que se exerce contra as mulleres polo mero feito de selo como forma extrema de discriminación, que hai que combater sempre e en todo lugar". Para o 8 de marzo, as nacionalistas convidaron a "repetir" unha gran mobilización na rúa para "reclamar unha terra de mulleres que poidan ser libres e iguais, con dereitos, con dignidade e con futuro"; "estar xuntas este 8M para impulsar o resto do ano as medidas que necesitamos para avanzar cara a unha sociedade de iguais".

"A defensa dos dereitos das mulleres forma parte dos nosos cimentos como organización política e non imos permitir nin un paso atrás no que custou tanto esforzo conseguir. Seguiremos traballando en todos os ámbitos pola igualdade real das mulleres", aseguraron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 José Manuel Souto Lamas

Cara ao goberno da Xunta no 24. Fronte ao des-norte feixoniano/madrileñizado, autogoberno real.

2 Ruio

Estilo Pontona y sus fangirls

1 R. Vicente

Paréceme un erro. Creo que, sen querer, potencia ese detestable producto comercial-televisivo