Unha mineira australiana "ocupa ilegalmente" un edificio comunal da mina de Varilongo

Esta é a denuncia que vén de facer Ecoloxistas en Acción, que informa que tanto o Concello como a comunidade de montes iniciarán "accións legais" contra a empresa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2022 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

Esta semana finalizou o prazo de 15 días naturais que o Concello de Santa Comba outorgou á empresa australiana Rafaella Resources para que abandonara a chamada “Casa da Mina”, que viña "ocupando ilegalmente desde 2019, sen calquera tipo de autorización e sen abonar calquera cánon por este uso continuado", denuncia Ecoloxistas en Acción.

Unha mineira australiana “ocupa ilegalmente' o edificio da mina de Varilongo
Unha mineira australiana “ocupa ilegalmente' o edificio da mina de Varilongo | Fonte: Ecoloxistas en Acción

O Concello deu este paso logo de verificarse a "situación irregular", unha vez que o edificio consta como sede fiscal das empresas instrumentais da cotizada australiana, Rafaella Recursos España Capital S.L., Rafaella Recursos España Servicios S.L. e Galicia Tin & Tungsten S.L.

O edificio, que xa servira como oficinas nos anos 1960 e 1970 da Compañía Minera Santa Comba e da Compañía Minera Celta, encóntrase dentro dunha parcela da Comunidade de Montes Veciñais de Grixoa de Esternande e fora restaurado polo Concello entre 2002 e 2003 para usarse con "fins sociais". Agora, segundo explica a organización ecoloxista nunha nota, tanto o Concello como a comunidade de montes vense abocados a iniciar "accións xudiciais contra os “okupas” australianos, que mesmo impediron o acceso dos comuneiros de Grixoa aos seus terrenos comunais".

A mina de Varilongo foi abandonada en 1987 e a actual concesionaria fíxose coas concesións en 2015, momento dende o que está paralizada. A pesar de estar obrigada a declarar a caducidade das concesións e restaurar as labores abandonadas, a Xunta mantivo vixentes os permisos e agora prepárase para tramitar un novo proxecto mineiro a ceo aberto que, tal e como denuncia Ecoloxistas en Acción, convertiría toda a zona nun "inmenso cráter rodeado de montañas de residuos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta