'Xornalistas Galegas' chama os medios a aplicar a perspectiva feminista nas informacións

O colectivo reivindica unha mellora das condicións laborais nos medios de comunicación, "que permitan avanzar na plena consecución dos dereitos reais das súas traballadoras".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2022 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, chama os medios a informar sobre o aumento da precariedade social e laboral das mulleres tras dous anos de pandemia da covid 19.  Para contribuir a esta tarefa, co gallo da conmemoración do 8M, Día Internacional da muller, o colectivo vén de remitir ás redaccións unha compilación de informes e ferramentas de organismos internacionais que evidencian o incremento da desigualdade entre sexos por mor desta crise.

Integrantes do colectivo Xornalistas Galegas
Integrantes do colectivo Xornalistas Galegas | Fonte: Xornalistas Galegas

A asociación, constituída en 2018 e cuxo manifesto fundacional foi asinado por preto de 200 mulleres, apela á "responsabilidade social dos medios ante o agravamento da discriminación das mulleres" e lembra o seu carácter de "servizo público" para esixir a defensa do ben común, neste caso a igualdade entre homes e mulleres.

Do mesmo xeito, Xornalistas Galegas, reivindica a perspectiva feminista nos medios para visibilizar accións en favor da igualdade e outorgar ás mulleres "a relevancia social que lles corresponde", especialmente no contexto de pandemia. Así mesmo, e focalizando na profesión xornalística, o colectivo reivindica unha mellora das condicións laborais nos medios de comunicación, "que permitan avanzar na plena consecución dos dereitos reais das súas traballadoras".

Para subliñar estas demandas, a asociación promove en redes sociais o cancelo #8MninUnPasoAtrás e aglutina baixo el algunhas das ideas máis relevantes que se extraen da documentación remitida ás redaccións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta