Fútbol para eles, ximnasia para elas: así funcionan os estereotipos de xénero no deporte

Os homes adoitan federarse máis ca as mulleres en Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2022 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

Como afectan os estereotipos de xénero nos deportes que practicamos? Dende crianzas, nos patios dos colexios, as actividades e xogos desenvolvidos polos nenos e polas nenas veñen marcados por modelos de conduta socialmente aprendidos no marco do patriarcado.

Varios nenos xogan ao fútbol nun patio de colexio, a 25 de outubro de 2021. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press
Varios nenos xogan ao fútbol nun patio de colexio, a 25 de outubro de 2021. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press

 

Esta realidade trasládase logo a datos coma os seguintes: por cada muller deportista federada en Galicia hai 3,21 homes federados. Segundo a guía de apostas Kelbet, que cataloga a caza como deporte, esta é a actividade en Galicia onde maior diferenza de xénero existe. "Por cada muller federada, hai 124,54 federados", indica. Séguenlle aeronáutica, con 56,78 homes por cada muller e actividades subacuáticas, onde por cada federada hai 42,69 homes federados.

 

Á inversa, o deporte no que se especializan máis mulleres ca homes é a ximnasia, disciplina na que por cada home federado hai 14,05 deportistas federadas en Galicia. Séguenlle nesta lista baile deportivo, con 3,40 mulleres por cada home, e hípica, onde por cada home hai 2,73 galegas federadas.

 

Segundo recolle Kelbet, algunhas das disciplinas coas diferenzas máis elevadas entre homes e mulleres son aquelas que representan unha porcentaxe de federación menor. Trátase de deportes como o fútbol, preferido polos galegos homes, cun 40,59% do total de federados; ou o baloncesto, co 5,38%. No caso das deportistas galegas, o deporte con máis federadas é de novo o fútbol, cun 9,87% do total de deportistas, seguido do baloncesto, cun 8,25% e ximnasia, cun 7,88% do total de federadas. 

 

Desta realidade mostrada en números despréndese como operan os estereotipos de xénero sobre os deportes. A socialización diferenciada delimita e define aquelas actividades que son socialmente aceptadas para elas e para eles. Romper con estas diferenzas é imprencindible para alcanzar unhas experiencias deportivas libres de machismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta