Lea entre BNG e PSdeG a conta do levantamento obreiro en Ferrol de 1972

Os nacionalistas propuxeron á Cámara que o 10 de marzo sexa declarado oficialmente 'Día da clase obreira galega'. O PSdeG di que o Bloque "tenta reescribir a historia" ao tratar de patrimonializar os feitos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/03/2022 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

O BNG e o Partido Socialista cruzaron reproches e acusacións mutuas de pretender "reescribir a historia" sobre o acontecido en torno ao 10 de marzo do ano 1972, cando unhas protestas dos traballadores da antiga Bazán para reclamar un convenio propio derivaron en disturbios nos que os traballadores Amador Rey e Daniel Niebla foron asasinados pola policía franquista.

Manifestacións obreiras de Ferrol no 1972, onde serían asasinados Amador e Daniel.
Manifestacións obreiras de Ferrol no 1972, onde serían asasinados Amador e Daniel.

Foi durante o debate dunha iniciativa presentada polo Grupo do Bloque no pleno do Parlamento galego, onde os nacionalistas propuxeron á Cámara que o 10 de marzo sexa declarado oficialmente 'Día da clase obreira galega'. A proposición non de lei, defendida polo parlamentario frontista Ramón Fernández, será votada o mércores. Na súa exposición, Fernández reivindicou as loitas obreiras da época e, en especial, as mantidas na cidade naval durante os primeiros anos de 1970.

En concreto, subliñou que o 10 de marzo de 1972 foi o xerme do movemento sindical galego e pode considerarse a primeira condena da Igrexa ao réxime franquista pola actitude dos párrocos ferroláns que oficiaron os funerais dos traballadores falecidos, celebrados baixo un intenso ambiente represivo.

Para a deputada socialista Carme Rodríguez Dacosta, o Bloque "tenta reescribir a historia" ao tratar de patrimonializar os feitos do 72 para "un sindicalismo nacionalista" que, segundo recalcou, non estaba organizado aínda naqueles anos.

Neste sentido, subliñou que "a única mención" a unha organización nacioalista que realiza a exposición de motivos do texto rexistrado polo BNG na Cámara é á Confederación Intersindical Galega, entidade que a comezos dos anos 1970 aínda non fora constituída.

Así as cousas, Dacosta incidiu en que os nacionalistas galegos pretenden "reescribir a historia con intereses partidistas" sobre o ocorrido en marzo do 72 en Ferrol, uns feitos dos que se cumpren 50 anos este xoves.

Na súa quenda de réplica, Ramón Fernández replicou á socialista que o nacionalismo galego "nunca reinvindicou" xogar nas protestas do 72 "un papel protagonista" reservado para "a clase obreira"; á vez que botou en cara ao PSOE pretender "facer da unidade da esquerda" unha "sopa de letras" carente de "obxectivos" de transformación da sociedade.

No debate tamén participou o parlamentario do PP José Manuel Balseiro, quen lembrou que existe un acordo aprobado por unanimidade no ano 2006 na Cámara autonómica "que segue plenamente vixente", polo que deslizouno que o grupo maioritario votará en contra dunha iniciativa na que ve un intento do BNG de "terxivesar" o ocorrido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta