Santiago ábrese á colaboración cidadá para decidir a Axenda 2030 da cidade

O Concello insta á cidadanía a colaborar a través da web do proxecto.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2022 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, compareceu este mércores nunha rolda de prensa para presentar a nova etapa da Axenda Urbana 2030 da cidade. O rexedor explicou que, tras a primeira etapa de diagnóstico da cidade, comeza agora a fase de elaboración de propostas, para a cal instou á cidadanía a colaborar a través da web do proxecto.

No acto tamén participaron os directores do proxecto: a profesora do departamento de economía aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Cadaval, e o catedrático da Universidade de Vigo en economía aplicada, Santiago Lago. Durante a súa intervención, María Cadaval sinalou que, para esta fase de elaboración, formáronse seis Grupos de Impulso e Seguimento (GIS), cada un deles centrado nun ámbito ligado ao dez obxectivos principais marcados pola Axenda Urbana 2030.

Nos grupos participarán, de forma directa ou indirecta, as formacións políticas municipais, asociacións, empresas e institucións interesadas no desenvolvemento desta fase. Así mesmo, Cadaval subliñou que se habilitará unha páxina web para que os veciños da cidade poidan participar neste proceso. Na páxina poderanse atopar resumos das reunións do GIS e formularios cos que os cidadáns poderán achegar as súas ideas a estes grupos.

Pola súa banda, Santiago Lago sinalou que os obxectivos desta Axenda, ligados á sustentabilidade, a economía circular ou evitar a dispersión urbana, entre outros, implicarán "cambios nas condutas" dos veciños da cidade. Ademais, o catedrático asegurou que, para liquidar os problemas a curto e longo prazo, é necesario o compromiso político. Nesta liña, o alcalde pechou o acto coa garantía do "compromiso sólido" do Concello neste proxecto, para o que confía en contar co apoio de todos os grupos políticos municipais.

Imaxe da fachada do Pazo de Raxoi. CONCELLO DE SANTIAGO
Imaxe da fachada do Pazo de Raxoi. CONCELLO DE SANTIAGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta