Glaucoma, a enfermidade silenciosa que pode levar á cegueira se non se detecta a tempo

Fontes do sector aseguran que a metade de casos desta patoloxía está sen diagnosticar.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O coidado do corpo a través de inspeccións médicas periódicas é de gran relevancia para prever a aparición de enfermidades graves ou poder atallalas a tempo antes de que provoquen complicacións maiores. Pero a crecente saturación da sanidade pública pon en cada vez maiores dificultades o mantemento destes hábitos, circunstancia que, en patoloxías como as vencelladas á vista, pode derivar mesmo na cegueira.

Ollo seco.. COLEXIO DE ÓPTICOS DE GALICIA - Arquivo
Ollo seco.. COLEXIO DE ÓPTICOS DE GALICIA - Arquivo

Tal é o caso do glaucoma, unha enfermidade que pode aparecer a calquera idade e é a día de hoxe a segunda causa de cegueira en todo o mundo. Segundo apuntan dende a web de sanidade privada TopDoctors, a exposición continuada a pantallas de smartphones e computadores, en moitas ocasións sen manter unha distancia ou condicións adecuadas para o seu visionado, sobre todo nos dous últimos anos, fixo que coidar da saúde ocular, sobre todo de forma preventiva, "sexa algo de extrema importancia". 

As pantallas, pois, provocan un dano claro sobre a vista. A experta Yolanda Andrés Alba cifra en aproximadamente o 80% dos maiores de 18 anos os afectados por algún defecto refractivo, na vista. Ademais, a doutora sinala que a presbicia, a miopía e o astigmatismo son as patoloxías oculares máis comúns entre a poboación. Pero tamén está o glaucoma, se ben menos frecuente si de maior perigo. 

O problema do glaucoma é que é unha enfermidade silenciosa, que "non presenta síntomas ata que o nervio óptico está moi deteriorado, mesmo de forma irreversible no 40% dos casos", explican dende a web. Por iso, actualmente máis da metade das persoas con glaucoma están sen diagnosticar, segundo datos do Dr. Jose María Martínez da Casa,  oftalmólogo e membro de  Top  Doctors. “O feito de non detectar a enfermidade ou facelo en fases moi avanzadas aumenta o risco de cegueira por glaucoma. De feito, entre un 10% e un 15% das persoas con este problema ocular perde a visión polo menos nun ollo por este motivo. Por iso o  glaucoma é coñecido como o ladrón silencioso da vista”.

As mesmas fontes subliñan que as revisións oftalmolóxicas completas e periódicas permiten detectar de forma precoz se existe ou non glaucoma, o que axuda a evitar que este produza unha pérdida visual significativa unha vez detectado. Actualmente, os tratamentos para esta enfermidade son a base de colirios oftalmolóxicos simples ou combinados, con técnicas cirúrxicas que van desde o uso do láser ata o implante de prótese e válvulas ou cirurxía  fistulizante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta