Feijóo critica o "reality show" de Sánchez

O xefe do Executivo central vai participar nunha serie documental.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/03/2022 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e candidato a presidir o PP, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse moi crítico co anuncio de que o xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, vai participar nunha serie documental que retratará a súa vida cotiá na Moncloa, ademais do funcionamento do día a día da Presidencia do Goberno.

Feijóo
Feijóo | Fonte: Xunta de Galicia.

A preguntas dos xornalistas, tras a reunión semanal do seu Goberno, Feijóo aludiu a que este proxecto se impulsa nunha España na que "a pandemia non acaba de terminar, onde a todas as familias e empresas lles vai mal, no medio dunha crise económica sen precedentes e cun conflito bélico ás portas de Europa".

Así, asegurou ter "moitas dúbidas" de que, neste contexto, o que os españois esperan do seu presidente "sexa velo nun reality show". "Imaxínome que iso non é o que esperan os españois", incidiu, antes de engadir: "Non o merecen".

Iso si, a continuación tirou de ironía e suxeriu que os problemas internos e a "inestabilidade" do Goberno que, con Podemos, dirixe Pedro Sánchez, dan "para unha serie de televisión de moitos capítulos". "Igual o que queren é facer unha serie e vendela posteriormente", esgrimiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta