Os prezos da vivenda, transporte e alimentos, disparados en Galicia

O IPC crece un 8% en febreiro, catro décimas máis que a media estatal

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 11/03/2022 | Actualizada ás 10:05

Comparte esta noticia

O índice de Prezos de Consumo (IPC) rexistrou un incremento interanual no mes de febreiro do 8%, o que supón catro décimas máis que a media estatal, onde se incrementou un 7,6%, segundo os datos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Así, o IPC rexistrou un aumento do 0,7% en comparación co mes de xaneiro, aumentando a súa taxa anual en 1,2 puntos, sendo a Comunidade onde menos se incrementou este dato.

Por grupos, o que contabiliza maior inflación (en taxa anual) en Galicia volve ser a vivenda (+29,4%), seguido do transporte (+12,8%) e dos alimentos e bebidas non alcohólicas (+5,4%). Pola súa banda, o único que descendeu de prezo o último ano foron as comunidades (-0,7%).

DATOS NACIONAIS

A nivel nacional, o Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu un 0,8% en febreiro en relación ao mes anterior e elevou a súa taxa interanual 1,5 puntos, ata o 7,6%, a súa taxa máis alta en case 36 anos, concretamente desde decembro de 1986, segundo datos do INE recollidos por Europa Press.

A taxa interanual do IPC rexistrada en febreiro (7,6%) é dúas décimas superior á avanzada a finais do mes pasado polo INE (7,4%). No caso da taxa mensual (+0,8%), o dato definitivo tamén é dúas décimas superior ao que adiantou Estatística (+0,6%).

Co dato de febreiro, o IPC interanual encadea a súa décimo quinta taxa positiva consecutiva e suma tres meses seguidos en taxas superiores ao 6%, niveis que non se vían en tres décadas.

Segundo Estatística, a subida interanual do IPC ata o 7,6% débese aos prezos da electricidade, que diminuíron menos que en febreiro de 2021; ao incremento dos prezos da restauración, e ao encarecemento do gasóleo para calefacción, dos carburantes, dos automóbiles e dalgúns alimentos, como legumes e hortalizas; leite, queixo e ovos, e pan e cereais.

Sen ter en conta a rebaixa do imposto especial sobre a electricidade e as variacións sobre outros impostos, o IPC interanual alcanzou en febreiro o 8,5%, nove décimas máis que a taxa xeral do 7,6%. Así o reflicte o IPC a impostos constantes que o INE tamén publica no marco desta estatística.

A inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) aumentou en febreiro seis décimas, ata o 3%, co que se sitúa máis de 4,5 puntos por baixo da taxa do IPC xeral. É a taxa máis elevada da subxacente desde setembro de 2008.

En taxa mensual, o IPC aumentou un 0,8% respecto ao mes anterior, en contraste co retroceso do 0,4% que experimentou en xaneiro, pola subida dos prezos dos carburantes, dos combustibles para calefacción, das froitas e outros produtos alimenticios, e da restauración.

No último ano, a calefacción, a iluminación e a distribución de auga encarecéronse un 51,7%; os aceites e grases elevaron os seus prezos un 28,1% e o transporte persoal é un 13,3% máis caro polo maior custo dos carburantes.

O Consumo resíntese pola suda de prezos e do IP, tal e como se nota na compra de alimentos nun supermercado
O Consumo resíntese pola suda de prezos e do IP, tal e como se nota na compra de alimentos nun supermercado | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta