Ucraína.- Robles anuncia un novo envío de armas pero non concreta cales "por razóns de seguridade"

Ames pon en marcha un rexistro municipal para familias de acollida de refuxiados e Gadis e Unicef emprenderon unha campaña de axuda a Ucraína. A empresa galega Televés anuncia o cesamento temporal das súas actividades en Rusia.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 11/03/2022 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

A ministra de Defensa, Margarita Robles, anunciou este venres en Ferrol que o Goberno vai realizar un novo de envío de armas a Ucraína "en datas moi próximas". A titular do departamento castrense non deu máis detalles nin sobre o tipo de armamento nin sobre a data exacta dese envío, pero reiterou que o Executivo é "absolutamente solidario co pobo de Ucraína", que, engadiu, está a desenvolver "unha resistencia heroica".

En declaracións aos medios este venres en Navantia-Ferrol, Robles explicou que este envío está en sintonía "co que están a facer outros países da Unión Europa" e lembrou que a solicitude de Ucraína está xustificada porque permite "exercitar o dereito á lexítima defensa".

Sobre os prazos, insistiu en que non pode dar máis detalles "por razóns de seguridade" e subliñou que "non son envíos fáciles porque hai outros países implicados" na recepción dos voos que transportarán o material e pola propia organización desas operacións que realizará o persoal do Exército do Aire. "O importante", destacou a ministra, "é o compromiso inequívoco que ten España coa cidadanía de Ucraína".

En canto ás discrepancias manifestadas por membros de Podemos, a ministra apuntou que na última Comisión de Defensa, o representante do partido morado manifestou "o seu apoio total á posición do Goberno".

A minsitra de Defensa, Margarita Carballos, en declaracións aos medios en Navantia Ferrol. RAÚL LOMBA/ EUROPA PRESS / Europa Press
A minsitra de Defensa, Margarita Carballos, en declaracións aos medios en Navantia Ferrol. RAÚL LOMBA/ EUROPA PRESS / Europa Press

TELEVÉS DEIXA DE OPERAR EN RUSIA

A empresa galega Televés anunciou este venres o cesamento temporal das súas actividades en Rusia ante o conflito bélico que ten lugar en Ucraína.

Televés explica que conta con presenza dunha filial de negocio situada no centro de Moscova, desde a súa apertura no 2014. En concreto, esta céntrase na comercialización de produtos relacionados coa distribución de sinal de televisión en edificios e fogares nos países da Federación de Rusia.

O cesamento de actividades, conforme sinala a empresa, vén motivado pola imposibilidade de garantir a operativa no tránsito de material e transaccións financeiras, polo que suspende polo momento todas as actividades, comunicando o cesamento de subministración aos seus clientes en Rusia.

Ademais, Televés destacou que se centra agora exclusivamente en velar ao máximo polo benestar dos seus traballadores da filial.

AMES PON EN MARCHA UN REXISTRO MUNICIPAL

O Concello de Ames puxo en marcha, desde este venres, un rexistro municipal para familias de acollida de persoas refuxiadas de Ucraína. Nun comunicado, o municipio explicou que a medida se toma segundo as indicacións de Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Secretaría de Benestar Social.

O Concello subliñou o apoio dos veciños ás campañas de solidariedade con Ucraína e lembrou que os interesados na acollida, que estará coordinada pola Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) e o Servizo de atención ao migrante (SAMI), poderán facilitar os seus datos persoais e os da súa vivenda a través do correo: leonardo.pena@concellodeames.gal e do número de teléfono: 662 37 70 44.

GADIS E UNICEF EN APOIO A UCRAÍNA

Así mesmo, a empresa galega Gadis anunciou, xunto a Unicef, a posta en marcha dunha campaña de axuda a Ucraína. Esta acción, a primeira de 2022 entre estas dúas entidades que levan 29 anos colaborando, centrarase en recadar fondos para axudar aos preto de 7,5 millóns de crianzas afectadas polo conflito. Desde este venres e ata o próximo 31 de marzo, en todos os establecementos Gadis os clientes poderán realizar unha doazón mínima dun euro para apoiar as nenas e nenos ucraínos.

Nun comunicado, a empresa sinalou que, para visibilizar esta colaboración e reforzar a información á clientela, todos os puntos de venda disporán de carteis e outros elementos para concienciar desta situación de emerxencia. Pola súa banda, Unicef indicou que cunha achega dun euro se pode fornecer auga potable a 3 nenos durante un mes nunha situación de emerxencia como a que atravesa Ucraína.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta