A Xunta di que o problema da saúde mental do alumnado non se resolve nas escolas

O BNG instou á Xunta de Galicia a pór en marcha un plan de saúde mental nos colexios e denunciou un "incremento exponencial" do problema e, "aínda que non é só unha responsabilidade da escola", esta xoga "un papel fundamental.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2022 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

O BNG instou á Xunta de Galicia a pór en marcha un plan de saúde mental nos colexios, dado que o problema crece "exponencialmente", ao que o Goberno autonómico puntualizou que non se trata dunha situación que se solucione unicamente no ámbito educativo, senón que é necesaria a "colaboración" social.

Na Comisión 4ª de Educación e Cultura, o deputado nacionalista Manuel Lourenzo lembrou que "a día de hoxe non se dispón dun estudo de referencia que poida radiografiar a realidade da saúde mental na educación". "Fai falta saber a evolución dos diagnósticos, das patoloxías, dos diagnósticos e das súas posibles consecuencias", detallou.

A comunidade educativa, defendeu, denunciou un "incremento exponencial" do problema e, "aínda que non é só unha responsabilidade da escola", esta xoga "un papel fundamental". Para os nacionalistas, tamén a situación na que se atopa o profesorado é mala, "dado que ante os bandazos dos protocolos da Xunta durante a pandemia, os profesores estaban sós".

Ante esta situación, tamén solicitaron un plan de acompañamento "real" e o reforzo dos departamentos de orientación, sobre os que criticaron que haxa un orientador para colexios con 400 alumnos e o mesmo para centros con 1.000 estudantes. "A recomendación da UE é dun orientador por cada 250 alumnos", lembraron.

Por parte da Xunta compareceu o secretario xeral de Educación, José Luís Mira, que defendeu que os colexios "non son espazos máxicos para resolver todos os problemas". Así, solicitou a colaboración e a concienciación da sociedade e "o traballo de todos": do sistema sanitario e do educativo, e das propias familias.

O responsable autonómico detallou tamén algúns dos plans xa en marcha, defendendo a calidade do sistema. Así, lembrou que en 2011 aprobouse a lei de convivencia e participación educativa, que recolle a educación emocional, e en cuxo desenvolvemento se traballa. Tamén abordou outros decretos como o aprobado para alumnos con necesidades especiais ou, xa en 2021, o de desenvolvemento social e emocional do alumnado.

Mira indicou ademais que en 2018 xa se publicou un protocolo para a detección e prevención de condutas suicidas nos centros. "Agora, en cooperación con Sanidade, estamos a revisar o protocolo para adaptalo ás novas circunstancias, marcadas sen dúbida pola pandemia", avanzou.

No ámbito da formación e participación, tamén remarcou a importancia do plan de benestar emocional e dos contratos-programa, "onde son os centros os que deciden, en base á problemática que eles mesmos detectasen".

Aula pechada
Aula pechada | Fonte: Antonio Sempere - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta