CC.OO. acusa a CIG e UGT de "traizón" por asinar o novo convenio da conserva

Censura que o acordo "non recolle, de ningunha maneira, as reivindicacións das traballadoras e traballadores do sector".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/03/2022 | Actualizada ás 19:47

Comparte esta noticia

O responsable da Federación de Política Industrial de Galicia de CC.OO., Pedro Comesaña, censura que o convenio da conserva "non recolle, de ningunha maneira, as reivindicacións das traballadoras e traballadores do sector". Por tal motivo, Comesaña acusou os sindicatos CIG e UGT de "traizoar" ás traballadoras do sector da conserva co acordo asinado esta semana.

Manifestación en Vigo dos traballadores do sector da conserva
Manifestación en Vigo dos traballadores do sector da conserva | Fonte: PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS.

Para CC.OO., o convenio incumpre as dúas liñas que desde as tres centrais sindicais se tiña claro desde o primeiro momento que non se podían exceder: a equiparación salarial dos grupos 5 e 6 e a creación da cuarta quenda, que debería quedar fóra do convenio colectivo.

"Estas dúas proclamas, que estaban nas mobilizacións que se levaron a cabo, quedaron en dúbida coa firma do convenio", manifestou Pedro Comesaña.

O sindicalista engadiu que "o convenio non arranxa aquilo que pedían as traballadoras, que era que dunha vez por todas puidésemos acabar coa fenda salarial que discrimina ao 85% dos empregos do sector".

Na súa opinión, o convenio "non só non arranxa a fenda salarial, senón que profunda nela". Unha idea que corroborou con cifras Ricardo Álvarez, membro da comisión negociadora do convenio de conservas.

Segundo detalla Álvarez, a diferenza entre un oficial de segunda de oficios varios, que adoitan ser homes, cun oficial do segunda de fabricación, posto que adoitan ocupar mulleres, era en 2020 de 60,41 euros ao mes. Mentres que agora, tras aplicar a suba salarial e o 0,3% a maiores para as traballadoras de fabricación, esa diferenza ascende a 61,11 euros ao mes.

Outro tanto ocorre cos oficiais de primeira. A diferenza en 2020 era de 91,38 euros ao mes e na actualidade ascende a 94,08 euros. Con estes datos na man, indica Ricardo Álvarez, calquera pode acreditar que "o 0,3% de suba a maiores para as traballadoras de fabricación non só non reduce a fenda salarial, senón que a aumenta" .

NON SE DESCARTA NINGÚN ESCENARIO

Respecto á cuarta quenda, CC.OO. denuncia que o convenio asinado por CIG, UGT e a patronal "condena a todos os traballadores que se queiran incorporar a este sector, que xa non é moi atractivo, a que teñan que traballar obrigatoriamente os sábados, domingos e festivos".

Pedro Comesaña asegura que CC.OO. foi "consecuente cos que estaban a demandar as traballadoras do sector" e que levou as súas reivindicacións á mesa de negociación, "pero, lamentablemente, CIG e UGT déronlles as costas, deixándolles cun convenio que non arranxa os seus problemas".

O sindicalista adiantou que Comisións vai seguir traballando desde os comités de empresa, coas súas delegadas e delegados, para tentar reverter a situación na medida do posible. "E non descartamos ningún escenario", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta