A muller que apareceu morta no punto limpo do Carballiño deambulaba horas antes desorientada pola autovía

A Policía Xudicial está á espera do que determine a autopsia, que se lle realizou este domingo ao corpo, para avanzar na investigación que está baixo segredo.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 14/03/2022 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

A Policía Xudicial da Garda Civil de Ourense investiga a morte da veciña do Carballiño cuxo cadáver foi descuberto na madrugada do sábado ao domingo no punto limpo da vila ourensá, horas despois de que fose sorprendida cando deambulaba desorientada pola autovía.

Coche da Garda Civil.
Coche da Garda Civil.

Segundo explicaron fontes da Garda Civil, o corpo da muller, de nacionalidade brasileira e de 38 anos de idade, presentaba "golpes", pero ata a data non transcenderon os resultados da autopsia que determinarán se estes están relacionados coa morte ou co traslado do corpo ao lugar.

A Garda Civil, que investiga os feitos, non descarta polo momento ningunha hipótese no marco das actuacións abertas, que están declaradas secretas.

Fontes consultadas confirmaron que a muller estaba en situación legal en España e traballou nun club de alterne, pero na actualidade xa non exercía a prostitución.

Na mesma tarde do sábado, ao redor das 16,30 horas, a Garda Civil de Tráfico localizou unha muller, da mesma nacionalidade e da mesma idade, deambulando desorientada e en pixama pola AG-54, a autovía que une as localidades de Maside e O Carballiño.

A muller, nun primeiro momento, tentou escapar dos axentes, quen chamaron a unha ambulancia que a trasladou ao centro de saúde da vila. Á súa vez chamaron á Policía Local para que colaborase na identificación. Non foi necesario, no centro de saúde identificouse correctamente e, tras un par de horas, abandonou o edificio.

A Comandancia de Ourense traslada que o Instituto Armado iniciou unha investigación na que "non se descarta ningunha hipótese". A Policía Xudicial está á espera do que determine a autopsia, que se lle realizou o domingo, para avanzar na investigación que se atopa baixo segredo.

ACHADO

O achado realizouno un operario do servizo de recollida de lixo durante a quenda de noite, cando baleiraba un camión na planta de residuos, aínda que nun primeiro momento creu que se trataba dun maniquí.

Das dilixencias en relación coa morte fíxose cargo o Xulgado do Carballiño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta