Consulta os niveis de calidade do aire en Galicia por mor do po do Sahara

A concentración de partículas en Laza é 10 veces superior aos máximos recomendados pola OMS.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2022 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O po sahariano segue causando problemas en Galicia, onde a súa concentración empeora a calidade do aire ata niveis malos, moi malos e pésimos no 38% do territorio. En tres puntos de medición, Laza, Xinzo e Ourense, a situación é "de emerxencia".

En concreto, e atendendo ás partículas perigosas para a saúde (M10), se a recomendación da OMS é que non superen en ningún caso os 50 microgramos por metro cúbico, na tarde deste mércores Laza rexistra niveis 10 veces por encima, de 522, mentres que en Xinzo se detectan 385 e na estación da rúa Gómez Franqueira de Ourense, 185. Nos tres lugares, a calidade do aire é 'pésima'.

Así mesmo, as estacións de calidade do aire cualifican de 'moi mala' a situación en Fingoi, en Lugo, que marca máis do dobre do máximo permitido, 113 microgramos por metro cúbico. Ademais, a calidade do aire é 'mala' en doce estacións: a do campus sur da USC (59) e a de San Caetano (68), ambas en Santiago; a de Coia, en Vigo (75); a de Lalín (91), a de Campolongo (83), a de Areeiro (82) e a de Campelo (80), en Pontevedra; a da rúa Lope de Vega en Vigo (89); a de PSA Peugeot (82); a de Vilalba (51); a de Sabón, na Coruña (54); e a de Cementos Cosmos en Sarria (96).

SEN ACTIVIDADES AO AIRE LIBRE

Con motivo deste episodio, a Dirección Xeral de Saúde Pública recomendou este mércores, a través dun comunicado, que non se practiquen actividades ao aire libre. No comunicado, o Sergas advertiu de que a presenza desta calixe pode resultar prexudicial para a saúde e deu unha serie de consellos como evitar o exercicio intenso ao aire libre, pechar portas e xanelas para evitar a entrada de po nos domicilios e usar máscaras e lentes, sobre todo no caso de poboación sensible, ata que este episodio termine.

Segundo explicou o Servizo de Saúde, o tamaño das partículas (PM), determina o perigo do po para a saúde. Destas partículas, as que poden causar efectos nocivos na poboación, son as de dez micras (PM10) ou menores, que producen síntomas como irritación nos ollos, nariz, boca e gorxa.

As menores de 2,5 micras (PM2,5), ademais, teñen a capacidade de introducirse nos pulmóns e no torrente sanguíneo, o que produce, sobre todo, unha diminución da capacidade respiratoria, o que pode agravar patoloxías crónicas, como a asma ou a EPOC. As persoas que teñen estas enfermidades, xunto con anciáns, crianzas e embarazadas, constitúen a poboación que pode verse máis afectada pola mala calidade do aire.

Sanidade sinalou que, segundo o Índice de Calidade do Aire (ICA), establécense diferentes categorías de calidade do aire: boa, favorable, regular, mala, moi mala e pésima. A partir dunha calidade de aire regular pode existir un risco moderado para os grupos máis susceptibles.

Desde o pasado martes mantense activo un protocolo de actuación ante estes incidentes atmosféricos no que varios departamentos da Xunta de Galicia están en permanente coordinación. A situación actual e a localización dentro da xeografía galega do nivel e tamaño destas partículas, así como a predición da posible chegada nos próximos días pódese consultar na páxina web de Meteogalicia.

Vista do norte de Santiago de Compostela no mércores 15 de marzo de 2022, baixo o ceo da calixe
Vista do norte de Santiago de Compostela no mércores 15 de marzo de 2022, baixo o ceo da calixe | Fonte: Twitter: @BeniLado

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta