A Xunta pide adoptar medidas urxentes para paliar o déficit de médicos de familia

A postura foi defendida polo conselleiro de Sandiade en reunión do Pleno da Comisión de Recursos Humanos do SNS.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2022 | Actualizada ás 21:03

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia insistiu na necesidade de adoptar medidas urxentes para paliar o déficit de profesionais de Medicina de Familia durante a reunión do Pleno da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde, que tivo lugar en Santiago, presidida pola ministra de Sanidade, Carolina Darias.

No transcurso do encontro, no que se analizou o último informe periódico sobre oferta e necesidades de profesionais médicos e do que informou a Xunta nun comunicado, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, insistiu de novo na necesidade de adoptar medidas de maneira urxente para paliar o déficit de profesionais sanitarios, que pode chegar a ser preocupante en especialidades como medicina de familia de atención primaria.

Segundo explicou Comesaña, á vista das conclusións deste informe, as xubilacións nos próximos anos xerarán un aumento no déficit de médicos de familia de atención primaria en Galicia e en toda España. Unha vez máis, o conselleiro solicitou que se mellore o proceso de homologación de títulos estranxeiros e se capten profesionais de países de fóra da Unión Europea para unha homologación urxente. Conforme indicou a Xunta, desde o Ministerio valoraron esta posibilidade e deixaron a porta aberta a unha flexibilización destes trámites.

Así mesmo, insistiu en ampliar na medida do posible as prazas MIR que serán ofertadas proximamente. No caso de Galicia solicitouse o ano pasado acreditar 64 prazas máis, das que aínda quedan 36 por resolver e que deberían poder incorporarse na convocatoriade este ano. Ademais, sostivo que Galicia leva anos cubrindo o 100% das prazas MIR de medicina de familia que lle acreditan.

Do mesmo xeito, o titular de Sanidade reiterou a necesidade de crear a especialidade de medicina de urxencias e emerxencias. "Non podemos permitirnos que eses aínda escasos recursos formativos que temos para os médicos de familia acaben sendo utilizados para formar a persoal que non vai exercer en atención primaria senón nos servizos de urxencias", dixo García Comesaña.

O informe presentado polo Ministerio fai especial fincapé nas prazas de difícil cobertura, centrándose na atención en primaria. Con todo, Galicia lembra que hai que facer atractivas as prazas tamén nos hospitais comarcais, polo que o conselleiro insistiu en que se outorgue unha puntuación adicional por servizos prestados en postos de difícil cobertura.

Ademais, pediu que se actualice o sistema de selección de especialistas, de maneira que o concurso sexa o sistema prioritario; polo menos, e inicialmente, en determinados supostos como serían esas de difícil cobertura (en primaria e hospitais comarcais). García Comesaña lembrou que o Sergas tramitará proximamente un concurso de méritos para a cobertura de 106 prazas en atención primaria.

Por último, reiterou a necesidade de eliminar os límites da taxa de reposición de efectivos, que cualificou de "imprescindible" no escenario de déficit de profesionais a curto e medio prazo que debuxa o informe do Ministerio presentado esta tarde.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña | Fonte: Conchi Paz - Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta