Un foro para coñecer os novos riscos laborais que chegaron coa pandemia

No 15º Salón da Prevención e Seguridade Laboral -Previsel- celebrado en Expourense abordáronse os tres piares básicos de prevención, seguridade e saúde e outros conceptos novos como o 'benestar organizacional'.

Por X.M. Fernández | Ourense | 17/03/2022 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

Despois de dous anos sen poder organizarse o Salón Previsel, volveu a Expourense este foro sendo precisamente a pandemia un dos fíos condutores do programa de actividades. As condicións laborais de moitos traballadores mudaron nestes dous últimos anos provocando á incorporación definitiva ao vocabulario laboral conceptos de conceptos como teletraballo, de eventos híbridos, de riscos psicosociais, a conciliación laboral e familiar ou da necesidade de ventilar correctamente o espazo de traballo... Esta situación conleva novos riscos laborais emerxentes e os profesionais deste sector traballan agora por garantir a prevención, a saúde e a seguridade laboral neste novo contexto tal e como quedou patente no amplo programa de xornadas técnicas e obradoiros de formación especializada en prevención que ofreceu este Salón da Prevención e Seguridade Laboral ata este xoves 17 de marzo en Expourense.

Previsel 2022. Foto: Prensa Expourense
Previsel 2022. Foto: Prensa Expourense

Ao clásico triple eixo de todo plan de prevención (prevención, saúde e seguridade laboral), a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, incorporou o termo de “benestar organizacional”, a través do cal as empresas non só deben apostar pola prevención de riscos, senón tamén asumir compromisos tendentes á procura do benestar das persoas traballadoras con medidas encamiñadas á protección da saúde, á promoción da solidariedade interna, á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, á inserción de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e á conciliación da vida familiar e persoal. Empresas comprometidas co benestar organizacional son compañías nas que, tal e como destacou Mancha, xeran un clima de confianza e mellora a motivación e, polo tanto, o rendemento e a calidade do traballo.

Cabe destacar ademais que, dende 2015, Previsel está sendo o escenario elixido Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, TESGALICIA, para organizar as súas xornadas de formación continua na que convocaron a persoal sanitario de toda Galicia e tamén doutras comunidades como Madrid, Euskadi ou Cataluña. Estas actividades incluíron unha exposición de ambulancias procedentes de Madrid e de Castela e León. Previsel rematou este xoves, 17 de marzo, ás 13:30 h.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta