O Comité da CRTVG denuncia o uso dos informativos "a favor da empresa da mina de Touro"

Pide o cese do director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/03/2022 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

O Comité Intercentros da CRTVG secunda e fai súa a denuncia pública da Plataforma veciñal Cornado Mina Non, pola utilización dos servizos informativos da CRTVG "a favor da empresa promotora da mina de Touro e as súas filiais Explotaciones Gallegas e a multinacional chipriota Atalaya Mining". Esta empresa tenta, dende hai anos, reabrir a da mina de Touro.

Información da TVG sobre a mina de Touro
Información da TVG sobre a mina de Touro | Fonte: remitida

Nun comunicado, a representación unitaria do persoal da CRTVG apoia a reclamación de dimisión do Director Xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, "por este novo e inaceptábel episodio de manipulación informativa", di, "contrario aos principios de obxectividade, imparcialidade, veracidade, e neutralidade informativa nos que se debe inspirar a actividade de comunicación audiovisual da Corporación".

O comité di que este uso propagandísticos da TVG vense facendo dende o pasado 10 de marzo, "en que a TVG presenta como un proxecto sostíbel" o anuncio da empresa Cobre San Rafael dun investimento en restauración de augas. "En realidade esta actuación parte da obriga que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas impuxo a Explotaciones Gallegas como propietaria dos terreos da mina de Touro en 2018, logo de máis de 30 anos de abandono das súas obrigas legais", lembra.

Neste sentido, critica que a TVG silencia as voces autorizadas de organizacións como ADEGA ou a Sociedade Galega de Historia Natural e as fundamentadas queixas da veciñanza. Por iso, fai un chamamento para que se poña fin "á noxenta manipulación informativa na CRTVG". "Cómpre o inmediato cesamento de Alfonso Sánchez Izquierdo e a designación por unha maioría cualificada do Parlamento galego dunha nova Directora Xeral que garanta os valores do pluralismo, a veracidade", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta