GC Aberto

As educadoras e os educadores galegos contra a guerra e o asoballamento entre nacións e entre estados

Por admin | GC ABERTO | 18/03/2022

Comparte esta noticia

Desde Nova Escola Galega condenamos radicalmente a invasión militar da Federación Rusa sobre Ucraína, causante dunha guerra que está a ocasionar morte, destrución, desarraigo e asoballamento da poboación, e que ten graves consecuencias directas e indirectas tanto no escenario europeo como mundial. Estamos comprometidos e comprometidas coa paz, que significa que os conflitos, que habitualmente existen entre as sociedades humanas e entre as persoas, deben ser sempre enfrontados sobre a base dos Dereitos Humanos e procurando a súa resolución dialogada e negociada.

Catro enfermeiras no soto do hospital de Okhmatdyt, a 28 de febreiro de 2022, en Kiev (Ucraína).. Diego Herrera - Europa Press
Catro enfermeiras no soto do hospital de Okhmatdyt, a 28 de febreiro de 2022, en Kiev (Ucraína).. Diego Herrera - Europa Press

O contexto xeopolítico internacional leva, no entanto, a considerarmos a influencia doutros actores no fatídico resultado bélico que están a padecer os pobos ucraíno e rusófono do Donbás. A OTAN, nas tres últimas décadas, ten sido un instrumento central no alongamento da área de influencia sobre todo dos USA e dos seus aliados no leste da Europa, con non disimulada preferencia sobre a busca doutras estratexias de seguridade internacional europea.

Así, o illamento da Federación Rusa, ela tamén con intereses de control de áreas de influencia, e a pretendida instalación de bases militares na súa fronteira, pouco ten a ver coa teórica expansión da democracia e a prosperidade no mundo. Ao contrario, representa o que semella ser un histórico obxectivo expansionista das elites occidentais de controlaren unha área xeograficamente extensa para abriren novos mercados caracterizados pola presenza de valiosos recursos e materias primas, nun contexto marcado pola insuficiencia de bens necesarios para atender os requirimentos dun modelo capitalista mundial inhumano e non sustentábel impulsado polo conxunto das oligarquías.

Condenamos o uso das guerras, nomeadamente da que estamos contemplando diante dos nosos ollos, e demandamos a cesación de todo uso de armamento bélico, en particular o ofensivo, dando paso á protección humanitaria das vítimas e de toda a poboación civil.

A humanidade e o planeta temos xa abondos desafíos e problemáticas para atender no presente e ollando o futuro próximo das novas xeracións. As guerras, e neste caso a Guerra de Ucraína, que pode ser considerada tamén unha guerra ecolóxica, xeran máis violencia e dificultan gravemente a resolución de problemas, que deben ser abordados no marco da nonviolencia fomentada desde as Institucións europeas e das Nacións Unidas, por vías diplomáticas e de negociación.

Nas xustificacións que se dan de toda guerra ou conflito militar entre Nacións e Estados podemos encontrar habitualmente elementos explicativos que debemos tomar en consideración para comprender mellor o conflito a resolver con estratexia de negociación; todos os actores poden aducir as razóns específicas que ‘traen a gasolina’, para o que non faltan mistos, como parece que podemos ver neste caso. Mais, desde a razón ética, non valen as xustificacións para lexitimar o uso da forza e da violencia bélica que sofren directamente varios millóns de persoas, ‘sen comelo nin bebelo’.

 

Como docentes, como educadoras e como formadores, preocupámonos pola educación e for-

mación integral das novas xeracións, que é tamén educación ética, emocional e política. Confrontámonos con conflitos na vida diaria; analizámolos como desafíos da vida e, na escala de proximidade, procuramos resolvelos debaténdoos para podermos establecer o territorio do acordo e crecermos todos e todas. Pretendemos tamén educarmos para o exercicio dunha cidadanía global, actualizando o repertorio de reflexións, propostas e recursos que vimos ela-

borando no camiño da armar a paz desde a educación, e sabemos que a escola non pode blindarse como se fose un búnker alleo á teimuda e polarizada realidade.

 

Adoita dicirse que a primeira vítima da guerra é a verdade sobre o propio conflito, e así asistimos a unha incesante choiva de relatos e imaxes sobre o seu desenvolvemento, que se moven en moitas ocasións entre a censura e a propaganda política. Porén, é precisamente nese contexto de incerteza e falta de información no que se fai máis necesario acompañar o alumnado na descuberta de lóxicas alternativas á da pura e dura estratexia militarista, ao tempo de acompañalo no sentimento de horror ante as desgrazas de toda guerra como lacra a superar e de solidariedade con todas as persoas que as sofren.

 

Eludir o compromiso educativo deixa en mans doutros axentes a imposición e lexitimación dunha narrativa belicosa, que acabará por naturalizarse como saída do conflito, alimentando a aceptación de medidas cuxo cuestionamento social é unha conquista recente; como é o caso, por exemplo, do rexeitamento da escalada do armamento ou do uso da enerxía nuclear, particularmente asociada a estas finalidades.

 

A educación para a paz pretende enfrontar o conflito axudándolle á comunidade educativa a combinar coñecemento, emoción e compromiso para entenderen os límites da realidade e procurar a súa transformación desde posicións éticas. A exposición constante nas noticias sobre a guerra en Ucraína e as súas consecuencias provoca preguntas que admiten respostas distintas dependendo da lóxica ou da narrativa que se adopte.

 

Debemos abordar varios planos de tratamento: o do estudo da historia que pode iluminar as raíces do conflito actual, particularmente no que afecta aos intereses económicos e xeopolíticos; o do dereito internacional arredor das guerras, que mostrará as leccións tiradas en relación cos dereitos humanos; o da comprensión da situación das persoas refuxiadas desde a empatía e mesmo canalizando accións de axuda que sería desexábel que amplíen

o foco humanitario cara a outros conflitos.

 

Nesta liña, a educación para a paz compórtase como unha matrioska que permite ir descubrindo camiños de análise e de esperanza, porque contén formación para os dereitos humanos, para a comprensión internacional e intercultural, para o desarmamento, para o desenvolvemento... desde parámetros radicalmente distintos. Como educadores e educadoras non podemos aceptar que o noso alumnado descoñeza formas alternativas de afrontar o conflito ou as consecuencias que se derivan para o futuro da humanidade se continúa medrando a espiral de violencia como resposta única ou preferente á guerra en Ucraína. As nosas aulas deben ser ese espazo para compartirmos dúbidas, atoparmos acougo e trazarmos algúns compromisos éticos arredor da paz positiva.

 

Non a esta Guerra, non a todas as Guerras!!!

Nunca máis!!!

 

 

Secretariado Nacional de Nova Escola Galega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta