A pandemia causou unha caída histórica na pesca galega que agora se agrava coa crise dos combustibles

As capturas e a facturación caeron a niveis de hai tres lustros nos momentos máis críticos da pandemia. Con todo, o emprego non se viu afectado polo efecto protector das medidas adoptadas polas administracións para protexer os postos de traballo, como destacan investigadores da Universidade de Vigo nun novo estudo. Agora, a escalada imparable do prezo do gasóleo e a folga de transportistas golpean aínda máis un sector que xa estaba ferido pola covid-19.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A pandemia de Covid-19 tivo importantes consecuencias negativas para a pesca galega. O volume de produción de peixe fresco durante 2020 (150.256 toneladas) foi o máis baixo dos últimos 15 anos, e a facturación (412,96 millóns de euros) tamén caeu ata os niveis de 14 anos atrás. O prezo medio (2,75 euros o quilogramo) tamén baixou con respecto a anos anteriores, aínda que en menor medida que o resto de variables, o que evitou aínda maiores perdas económicas. O descenso do volume de produción debeuse, en gran medida, ao peche da hostalería, que repercutiu negativamente nas capturas de peixe e, sobre todo, de mariscos. A caída da demanda tivo un forte impacto negativo nos prezos, especialmente entre marzo e maio de 2020, durante o confinamento total, no inicio da pandemia.

Tempada da pesca da anchoa no Cantábrico
Tempada da pesca da anchoa no Cantábrico | Fonte: H.Bilbao - Europa Press.

Estes son os principais resultados dun estudo de investigadores dos departamentos de Economía Aplicada e de Matemáticas da Universidade de Vigo (UVigo), no que analizaron o impacto socioeconómico da covid-19 no sector pesqueiro galego, con datos das 246 empresas que constitúen esta industria.

A marxe de beneficio e a rendibilidade económica e financeira caeu nas nove zonas de produción pesqueira galegas por mor da pandemia

A análise aplicouse ás nove zonas de produción pesqueira de Galicia: Zona I – Vigo, Zona II – Pontevedra,Zona III – Arousa, Zona IV – Muros, Zona V – Fisterra, Zona VI - Costa da Morte, Zona VII - Coruña-Ferrol, Zona VIII – Cedeira e Zona IX - Mariña lucense. Os datos, en conxunto, mostran que a facturación diminuíu en 2020 en todas elas en comparación co período 2017–2019.

A marxe de beneficio e a rendibilidade económica e financeira tamén caeu, aínda que de forma desigual nas distintas zonas. Así, as áreas cuxas capturas se comercializan na canle HORECA (hoteis, restaurantes e cafetarías) foron máis afectadas pola pandemia. Particularmente, a zona III-Arousa e a zona IV-Muros, xa que “estas centran os seus esforzos pesqueiros en especies de alto valor como a centola, a nécora, o polbo, os distintos tipos de ameixas, o ourizo, o rodaballo, a robaliza ou o linguado; estas especies comercialízanse principalmente a través da canle HORECA, polo que o peche desta actividade provocou unha diminución da demanda destes produtos”, detallan os autores do estudo.

Por outra banda, sinalan que “o confinamento da poboación reconduciu a demanda de produtos pesqueiros frescos cara ao conxelado ou en conserva, sectores que se viron afectados en moita menor medida pola crise sanitaria”. Deste xeito, apuntan que “o sector transformador de peixe se reforzou durante os períodos de confinamento intermitente en España”.

Mentres, as zonas cuxa frota captura especies como a sardiña, a xarda e a anchoa, que son materia prima de produtos conxelados, salgados ou enlatados, puideron ofrecer unha mellor saída comercial aos seus produtos. É o caso da zona V-Fisterra e da VI-Costa da Morte, que abastecen as empresas conserveiras da comarca de pequenas especies peláxicas para a súa produción, como destacan os investigadores da UVigo.

"Os ERTE permitiron ás empresas un aforro importante nas súas cotizacións á Seguridade Social, o que evitou despedimentos"

En canto ás zonas cunha importante frota pesqueira de alta mar, como a I-Vigo, a VII-A Coruña ou a IX-A Mariña, presentan tamén unha evolución negativa do seu rendemento económico, pero en graos diferentes. “Aínda que o peche da canle HORECA tamén afectou a estes segmentos de frota, este tivo un menor impacto, xa que rivaliza en importancia con outras canles de comercialización”, explican os autores do estudo, que engaden: “O peche parcial de fronteiras internacionais, o aumento da rivalidade nas augas nas que faenan as frotas ou a paralización da actividade dalgúns destes buques pola contaxio de covid-19 entre os seus tripulantes foron algúns dos factores que reduciron tanto o número de capturas como as súas vendas”.

Con todo, o emprego non se viu afectado polo efecto protector das medidas adoptadas para garantir seguridade aos traballadores. Como lembran estes expertos, “o Goberno español e o galego crearon un marco institucional para paliar as perdas derivadas da diminución de ingresos do sector pesqueiro extractivo en Galicia, coa aprobación de varias convocatorias de axudas públicas, seguindo as recomendacións da Unión Europea”. Ademais, proseguen, “a adopción dos Plans de Axuste Temporal de Emprego [os ERTE] foron unha medida de flexibilidade laboral que permitiu ás empresas un aforro importante nas súas cotizacións á Seguridade Social, o que evitou despedimentos; así, o nivel de emprego pesqueiro en Galicia non se viu afectado substancialmente”, salientan.

En conxunto, lonxe dun comportamento homoxéneo, os investigadores resaltan que os seus resultados evidencian que houbo unha “heteroxeneidade de variables e trazos que caracterizaron a evolución económica do sector pesqueiro extractivo en cada unha das zonas marítimas de Galicia durante a crise da covid-19”. Por isto, consideran que o seu traballo achega conclusións que “son de grande importancia para os responsables políticos e os actores do sector pesqueiro”.

A MAIOR FROTA REXIONAL EUROPEA

Galicia é, como destacan estes investigadores, “a rexión pesqueira máis importante de España”, xa que concentra case a metade do volume de capturas e da frota pesqueira estatal, e é tamén “a maior frota rexional de Europa”, formada en 2021 por 4.266 buques (capacidade total de 127.310,73 GT e potencia total de 257.583,26 Kw), e 10.621 tripulantes, segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de 2021, recollidos neste estudo.

A maior parte deses buques operan en augas do Cantábrico-Noroeste, 4.095 embarcacións de baixura (o 96% do total de Galicia), mentres que a frota que pesca en augas doutros países da Unión Europea, e tamén nas do Reino Unido, en virtude do Acordo de Comercio e Cooperación UE-Reino Unido, está composta por 73 embarcacións (o 1,7% do total galego) e a frota que opera en augas internacionais está formada por 98 embarcacións (o 2,3% do total).

Por zonas, a I-Vigo ten como principal base de operacións o porto de Vigo, que acumula o 47,4% da tonelaxe total da frota galega e o 35,7% da potencia total, con só o 15,4% do número de buques. Isto explícase polo peso da frota internacional neste porto, composta por buques de grandes dimensións, capacidade e potencia. O emprego estimado en 2021 na zona I era de 2.228 persoas, como se recolle neste estudo.

A Zona II-Pontevedra ten o seu porto principal en Marín, o cal representa o 7,5% da frota galega en número de buques e o 9,7% en tonelaxe, con 722 persoas empregadas. Como salientan os investigadores, esta zona conta cunha gran frota de buques conxeladores con base no porto de Marín, algúns dos cales operan na zona NAFO, e parte da súa frota tamén opera en augas portuguesas. O resto de embarcacións da zona II traballan en augas de España.

De 4.266 buques rexistrados en Galicia en 2021, 4.095 embarcacións eran de baixura (o 96% do total)

A Zona III-Arousa é a que ten a maior frota, con 1.692 embarcacións, isto é, o 39% da frota galega; porén, só representa o 10,4% en tonelaxe, xa que se trata na súa maioría de pequenas embarcacións dedicadas á pesca de baixura. Como apuntan os autores do estudo, o porto de Ribeira é o máis significativo de Galicia para a frota que opera en caladoiros de España, onde faena o 99% das embarcacións desta zona. O emprego estimado nesta zona era de 3.224 persoas, o que supón o 30,3% do emprego pesqueiro de Galicia.

As zonas IV-Muros, V-Fisterra e VI-Costa da Morte representan, en conxunto, unha pequena porcentaxe da capacidade pesqueira da frota galega, cun 8,2% do tonelaxe total, aínda que aquí “a actividade pesqueira é de grande importancia social para as comunidades costeiras”, subliñan os investigadores. De feito, supoñen o 24% dos buques galegos (14,7%, 2,9% e 6,4%, respectivamente), todos eles faenando en caladoiros nacionais. O emprego total estimado nestas zonas tres zonas era de 2.260 persoas en 2021.

A zona VII-A Coruña-Ferrol e a VIII-Cedeira teñen como portos máis importantes os da Coruña e Cedeira. No caso da zona VII, destacan o peso que ten a frota de grande escala (6 palangreiros) e de alta mar (tres arrastreiros e un palangre de fondo) que operan dentro dos límites xeográficos da Comisión de Pesca do Atlántico Nordés. Mentres que a frota de alta mar tamén está presente na zona de Cedeira con dous palangreiros de fondo. Con todo, nestas dúas zonas, a maioría das embarcacións operan nos caladoiros nacionais e máis do 80% destes son pequenos pesqueiros de baixura. Porén, a zona A Coruña-Ferrol case triplica o número de embarcacións dos caladoiros nacionais (308 embarcacións) con respecto á zona de Cedeira (110 embarcacións). Esta diferenza é evidente nas cifras de emprego pesqueiro: mentres que a zona VII contaba con 745 traballadores, a zona VIII só chegaba aos 302 pescadores, segundo os datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de 2021.

Por último, a Zona IX-A Mariña ten como portos máis representativos Celeiro e Burela, que “albergan unha das frotas máis importantes de Galicia, a que opera nas augas do Grand Sole (principalmente no mar Celta) con palangre de fondo como a principal modalidade de pesca e a pescada como especie obxectivo máis importante”, detallan os autores do estudo. Destacan tamén a existencia nesta zona dunha frota a grande escala de 11 palangreiros de superficie e de 114 embarcacións de baixura. O segmento nacional máis numeroso (65,7%) é o da pesca artesanal, seguido dos palangreiros de superficie e dos arrastreiros. O emprego pesqueiro estimado nesta zona era de 1.165 persoas.

NOVA CRISE

Tras superarse os momentos máis difíciles da pandemia, a frota galega enfróntrase agora a unha nova crise sen apenas tempo para recuperarse da anterior. A suba dos prezos dos combustibles está levando a parar de novo a actividade. En xaneiro de 2021, o prezo medio dun litro de combustible situábase en 0,36 euros, hoxe triplicouse e xa está por enriba dun euro. Esta alza imparable do gasóleo, que se está agravando pola guerra en Ucraína, levou á paralización parcial da actividade de moitos buques en portos como os de Vigo ou Celeiro

A actual escalada dos prezos dos combustibles levou a amarres parciais nalgúns portos e o sector avisa dun paro total se non baixan os custos

Desde a Xunta, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, apremou o Goberno central a aplicar exencións no pago de cotas da Seguridade Social da frota pesqueira, así como a baixar de modo xeneralizado o IVE de combustibles ao tipo reducido ou superreducido. Ademais, reclámanse axudas de ao redor de 100.000 euros por buque, e que sexan compatibles coa liña de apoios pola pandemia de covid-19.

A asociación Pescagalicia-Arpega-Obarco pediu poñer un tope ao gasóleo profesional para a pesca, nos 40 céntimos por litro, como medida preventiva.

Pola súa banda, o presidente das confrarías galegas, José Antonio Pérez Sieira, sinalou que teñen que implementarse exencións e axudas "directas" porque a frota "non pode resistir máis" e "cada día paran máis embarcacións".

A este contexto súmase agora a folga de transportistas, tamén pola suba dos prezos dos combustibles, que está paralizando parcialmente a distribución de peixe. Este paro por parte dunha parte do sector do transporte pode "acelerar o proceso" de que barcos de altura en Gran Sol poidan decidir parar, xa que se se trae o produto, pero non se pode vender ao resto de España, "o problema agrávase" para un produto perecedoiro, avisou o presidente dos armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, que tamén reclama flexibilidade para pasar cotas dun ano para outro ao estar "abocados" a paros temporais na frota.

De non tomarse medidas sobre estes asuntos, a frota ameazou cun paro total, o que podería provocar desabastecemento de peixe e o seu encarecemento. Neste sentido, Touza pediu á Delegación do Goberno que dea protección e garanta que o produto "de primeira necesidade" chegue aos grandes mercados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta