Montes en man común, a democracia histórica contra a economía moderna

As organizacións de montes comunais denuncian intereses económicos detrás das modificiacións legais que pretende levar adiante a Xunta. Os comuneiros temen perder os dereitos de explotación común fronte ao que ven como “sistema depredador” de grandes intereses. Ditos intereses estarían valéndose dos organismos executivos e lexislativos existentes para quedar coa propiedade destes terreos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 26/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) quere presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para que as autoridades autonómicas impidan o que consideran “un latrocinio” do monte en man común. A base desta acción está no que os comuneiros entenden como “roubarlle a xestión do monte comunal á veciñanza para entregarllo a intereses privados”. Isto estaríase materializando, segundo fontes comuneiras, mediante creación de leis de acompañamento que poida modificar a actual Lei de Montes. Durante a última reunión do Consello Forestal de Galicia en xaneiro de 2022, segundo as comunidades de montes a Consellería de Medio Rural pedira ideas para un proxecto de lei sobre o monte dando como data límite o 22 de febreiro. Estes aportes darían pé á creación dun borrador que se presentaría no vindeiro Consello Forestal, que sería neste mes de marzo ou en abril.

Monte comunal
Monte comunal | Fonte: ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADES DE MONTES.

DEREITO XERMÁNICO E DEREITO ROMANO

A administración podería quedar co monte en man común se se dese o caso, por exemplo, de “monte en estado de abandono”. Esta figura recolle desde o uso indebido das terras até o abandono en canto limpeza e prevención contra o lume. “Todos os anos temos que enviar unha lista de veciños e veciñas da comunidade, se non se entrega ou se hai un atraso, mesmo podería usarse este punto para que a administración quede coas terras comunais” di José Pereira da  ORGACCMM. “Se isto é así, a administración podería pasar a xestión dos terreos a unha empresa privada que a xestionaría por 50 anos, sen que a veciñanza poida recuperar a xestión”.

A cuestión clave é o sistema de xestión destes espazos compartidos. “Para a vindeira reunión do Consello Forestal exporemos que se recoñeza o dereito xermánico sobre o monte comunal” di Pereira. “A orixe está na chegada dos pobos xermánicos polo que as terras eran comunais e había unha presidencia elixida democraticamente” sinala Alberte Román, director do documentario En todas as mans, un traballo de investigación sobre este tipo de propiedade. “Actualmente prima o dereito romano onde a propiedade é pública ou privada, mentres que no xermánico non hai propietarios”.

O carácter asembleario que rexe nestes montes “é considerado lento porque impide realizar accións inmediatas sobre o terreo” asevera José Pereira. “Se agora se lle outorga entidade xurídica ás comunidades de montes (segundo o dereito actual imperante) as terras poderían entrar en tráfico de comercio”, por tanto serían susceptibles de ser vendidas.

INTERESES

Martín Caínzos forma parte da Mancomunidade de Montes de Loiba, en Ortigueira. “Actualmente os veciños non podemos facer uso dos montes porque a titularidade é do Concello de Ortigueira, aínda así a veciñanza é propietaria deses terreos”. O Concello non quere deixar a titularidade, os motivos? Intereses eólicos que deixarían os seus impostos nas arcas municipais. Isto último estaría creando un ambiente pouco favorecedor ás reivindicacións da mancomunidade de Loiba. “Non hai moitos apoios populares á nosa reivindicación sobre todo sabendo das posibilidades eólicas no lugar”.

Martín Caínzos ve na recuperación do monte en común unha posibilidade de mellora na calidade de vida para a veciñanza, para a creación de postos de traballo e por suposto, a fixación de poboación. “Habería terreos onde xente nova interesada en crear explotacións gandeiras podería ter gando, mesmo explotacións forestais e isto repercutiría positivamente nunha parroquia onde a media de idade é de 70 anos”.

Por último, José Pereira remarca que “organismos internacionais como a ONU e a FAO avisan do acaparamento de terras en poucas mans que impiden a participación veciñal na xestión deses espazos”. En vista de todo isto a  ORGACCMM levará adiante a ILP até o Parlamento, “ e dependendo de como vaia, poderemos ir á xustiza ou non”. “Existen montes en man común que levan 35 anos sen rexistrar nin un só lume”.

A reunión do Consello Forestal de Galicia, a ILP e a súa progresión no lexislativo galego, así como a actitude do executivo aínda presidido por Feijóo, irán quitando o veo sobre o futuro do monte veciñal en man común, un elemento histórico compartido só co Norte de Portugal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta