O Concello de Ferrol acusa á Xunta de non tomar medidas contra a presenza de xabaril no centro da cidade

"Nada se sabe dese famoso convenio de colaboración cos concellos que se anunciou hai uns meses", sostivo a concelleira de Medio Ambiente de Ferrol, Ana Lamas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2022 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

A concelleira de Medio Ambiente de Ferrol, Ana Lamas (PSOE), acusou á Xunta de "non estar a tomar ningunha medida para reducir" a presenza de xabaril en varias zonas do centro urbano desta cidade, e que, segundo a edil, "están a causar graves problemas".

"Nada se sabe dese famoso convenio de colaboración cos concellos que se anunciou hai uns meses", sostivo a concelleira este xoves no Concello de Ferrol, onde lembrou que o xabaril é "unha especie cinexética" e que, por tanto, "é a Xunta a que ten as competencias, por ser fauna salvaxe".

A edil socialista asegurou que o Consistorio xa ten preparada a contratación dun servizo para tratar de controlar a poboación deste animal. "Puxémonos en contacto con varias empresas especializadas e xa temos o prego para poder realizar esta contratación", explicou a concelleira, que insistiu en que "oxalá" non tivesen que facelo tendo en conta que "o control de animais salvaxes lle pertence á Xunta".

ESTUDO PREVIO

Segundo o informe encargado, o primeiro que haberá que establecer é "un estudo do censo de xabaril para saber o número e tipo de exemplares que existen", así como "as súas zonas de tránsito". Ademais, incluirá o tipo de trampa máis idónea a empregar, así como os lugares de colocación", un traballo para o que se estima que será necesario un mes.

Nunha segunda fase, nun prazo de seis meses, poranse en marcha as medidas necesarias para erradicar a presenza do xabaril por varias zonas de Ferrol, principalmente nos barrios de Canido, Ferrol Vello e Caranza.

Segundo Ana Lamas, "en principio o que se vai a utilizar é unha gaiola para a captura de piaras e outra de tamaño individual" e se estas non ofrecen os resultados esperados, "buscaranse outras localizacións", detallando que é "a Xunta a que nos di como temos que facer este traballo, descargado sobre os concellos, unha vez máis, unha das súas competencias", sentenciou.

Xabaril nun centro urbano
Xabaril nun centro urbano

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta