Rescate financeiro ao Concello de Cuntis, que "amontoa" facturas impagas desde 2017

A formación local Veciñanza de Cuntis denuncia que serán os veciños e veciñas quen pagarán estas débedas "mediante a suba de taxas e impostos municipais".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2022 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

O PSOE de Cuntis aprobará o próximo luns o rescate financeiro e a conseguinte intervención do Concello de Cuntis por parte do Ministerio de Facenda. A formación local Veciñanza de Cuntis considera este feito "o máis relevante" da lexislatura xa que "compromete" para a próxima década a situación económica do Concello. Dende a formación denuncian que esta situación vén provocada pola "acumulación de débeda que a xestión económica do PSOE xerou, sobre todo, dende 2017", aínda que engaden que hai "facturas pendentes de pago incluso dende anos anteriores".

Casa concello de Cuntis
Casa concello de Cuntis | Fonte: Wikipedia

Así pois, o PSOE aprobará a adhesión ao mecanismo extraordinario de pago a provedores do Ministerio para liquidar "só unha parte" da débeda pendente: a que se acumula ata o 1 de xullo do ano pasado e por un total de 608.000 €. "Farao mediante un préstamo do que aínda non se coñece o tipo de interese, pero que supón que os veciños e veciñas de Cuntis teñamos que asumir ese engadido por mor dos impagos do goberno socialista", explica Veciñanza. A débeda xerada durante o segundo semestre de 2021, que é "descoñecida", seguirá, segundo indica a formación local, pendente de pago con "facturas amontoadas".

A concesión deste préstamo implica a aprobación dun Plan de Axuste que o Ministerio esixe para incrementar os ingresos e conter os gastos do Goberno Municipal. Entre as medidas que contempla este plan atópanse o cobro pola prestación do servizo municipal de emerxencias, a suba do IBI (imposto de bens inmobles, tanto rústicos como urbanos), o cobro ao sector da hostalaría pola colocación de terrazas ou o incremento do IVTM (imposto a vehículos de tracción mecánica).

Ante isto, Veciñanza denuncia que "os veciños e veciñas de Cuntis pagaremos mediante a suba de taxas e impostos municipais as facturas que o PSOE acumula sen pagar", e engade, "farémolo con intereses". A formación cualifica a xestión económica do grupo socialista como "demencial" e indica que levou o Concello a unha situación "extrema" que deriva dunha "mostra de irresponsabilidade, arrogancia e incapacidade".

A formación asegura que o goberno local "puido ter tomado medidas moito antes" e indica que a repercusión desta situación "non podían chegar en peor momento" para a veciñanza de Cuntis, posto que a poboación atravesa un momento inflacionista a nivel internacional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta