O Defensor del Pueblo recibiu máis de 1.100 queixas desde Galicia en 2021, un 15,5% máis que o ano anterior

Do mesmo xeito, reflicte o informe, ao longo de 2021 recibíronse desde Galicia 21 expedientes de solicitude de interposición de recurso ante o Tribunal Constitucional, dous máis que o ano anterior.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2022 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

O Defensor del Pueblo recibiu en pasado ano un total de 1.159 expedientes de queixa procedentes de Galicia, o 4,08% do total nacional e un 15,5% máis que os que xestionou o ano anterior.

Segundo recolle o informe de actividade da institución correspondente ao ano 2021, o Defensor tamén recibiu 323 expedientes --queixas e solicitudes de recurso-- procedentes do Valedor do Pobo ao longo do pasado ano, o 11,64% do total transferidos polos comisionados parlamentarios autonómicos.

En canto ás queixas presentadas ante o Defensor por provincias, case a metade, 517, procedían da Coruña, mentres que 358 eran de Pontevedra, 147 de Ourense e 137 de Lugo.

Do mesmo xeito, reflicte o informe, ao longo de 2021 recibíronse desde Galicia 21 expedientes de solicitude de interposición de recurso ante o Tribunal Constitucional, dous máis que o ano anterior.

A nivel nacional, a Oficina Defensor del Pueblo recibiu un total de 29.015 queixas en 2021, un ano "marcado polas secuelas" da pandemia da covid-19 , o que supón un incremento dun 3,5% con respecto ás 28.020 do ano 2020. As queixas soben pero fano en menor medida que no ano no que empezou a pandemia, cando aumentaron un 26,4 por cento respecto ao exercicio anterior.

ASUNTOS TRATADOS

Entre os asuntos tratados ao longo do pasado ano polo Defensor del Pueblo figura unha queixa en relación á calidade da auga no municipio ourensán da Merca, en cuxa resposta se indica "a necesidade de renovar as instalacións potabilizadoras, sen prexuízo de manter un control exhaustivo da calidade da auga almacenada nos distintos depósitos".

Así mesmo, o Defensor fai referencia, no ámbito da administración hidráulica autonómica, a que Augas de Galicia "resolveu este ano unha concesión de augas solicitada en 2007". A demora na resolución, recolle, pode atribuírse á comparecencia no procedemento dunha posible cotitular do aproveitamento de augas solicitado pola reclamante, o que requiriu que a Administración tivese que volver tramitar un novo procedemento.

Doutra banda, tamén recoñece a demora de máis de dous anos na realización dalgúns trámites, como a petición de informe ao servizo xurídico, ou a emisión do informe de compatibilidade da concesión solicitada co plan hidrolóxico, que se solicitou en agosto de 2018 e cumprimentouse en agosto de 2020. "Aínda que esta institución ten en conta que Augas de Galicia non dispón de recursos ilimitados, un prazo de case 15 anos para ditar resolución resulta dificilmente xustificable", afea.

No capítulo de interrupcións no servizo telefónico, o Defensor menciona un expediente iniciado a través dunha comunicación do Valedor en relación ás acometidas de telefonía provisionais tras as obras efectuadas na autovía que une Santiago de Compostela e Lugo, á altura de Lavacolla.

Estas instalacións, apunta, "provocaban numerosos cortes na prestación do servizo de telefonía fixo", xa que "o poste que suxeita o cableado telefónico presentaba unha estrutura rudimentaria, sensible aos fenómenos atmosféricos, cos cables unidos aos valos das casas". Ante iso, a compañía "indicou que está a elaborar unha proposta de solución definitiva".

Tamén entre os asuntos tratados figuran cuestións ferroviarias, como son as queixas pola redución de servizos e funcionamento das liñas Zaragoza-Calatayud, Santiago-Vilagarcía, Zaragoza-Lleida, Santander-Bilbao e Villanueva de Córdoba-Los Pedroches.

Finalmente, o Defensor del Pueblo iniciou unha investigación de oficio tras constatar, nunha visita do Mecanismo Nacional de Prevención, a "ausencia de comunicación mediante transporte público no Centro Penal de Pereiro de Aguiar (Ourense)".

Como resposta, a Xunta comunicou que vai proceder a desviar o itinerario da liña de autobús Ourense-Esgos para que realice parada neste centro. Máis en concreto, establécense dous servizos de ida e dúas de volta, de luns a venres, que permitirán aos internos de terceiro grao acceder a programas formativos na capital da provincia, e os fins de semana habilítanse dúas idas e dúas voltas, pola mañá e pola tarde, para as visitas.

Ángel Gabilondo
Ángel Gabilondo | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta